URBANISMO E BARRIOS

O Concello investirá 486.000 euros na reurbanización da rúa de San Pedro

21/11/2012 Os concelleiros de Urbanismo, María Pardo, e de Barrios, Vías e Obras, Juan de la Fuente, informaron en rolda de prensa sobre a reforma que o Concello vai acometer na rúa de San Pedro, así como doutras intervencións previstas en firmes e pavimentos deteriorados dalgunhas rúas do Ensanche.

A rúa de San Pedro presenta na actualidade un importante deterioro, especialmente no seu primeiro tramo, entre a Porta do Camiño e a praza de San Pedro. Ademais, conta con tramos de beirarrúas dun ancho moi escaso, o que, debido á alta densidade de peóns e de vehículos, provoca situacións de inseguridade para os segundos.

Por todo isto e atendendo ás demandas veciñais, o Concello decidiu acometer unha reurbanización da rúa, que será levada á Xunta de Goberno do xoves 22, co fin de que as obras poidan comezar a primeiros de 2013. O investimento previsto é de 486.000 euros.

A intervención permitirá reordenar a rúa, mellorando a situación para os peóns. Ademais, aproveitarse para facilitar o futuro soterramento da rede eléctrica e eliminar trazados aéreos, e para renovar redes de saneamento e telecomunicacións vellas ou en mal estado. Ademais, incorporaranse novos servizos urbanos.

Xa de xeito concreto, a intervención contempla unha reordenación da sección viaria, con beirarrúas de anchuras medias entre 2,50 e 3 metros. Farase unha sección única (sen resalto de bordos entre beirarrúas e calzada), cun carril de tráfico rodado de 3 metros de ancho en toda a rúa, mantendo as actuais zonas de parada de bus e carga e descarga nos tramos inicial e final da rúa. As prazas para minusválidos habilitaranse na marxe esquerda, ao inicio da rúa, fronte a praza do 8 de Marzo.

En canto á pavimentación, utilizarase, como na actualidade, pedra para as beirarrúas e lastros para a calzada, recuperando as preexistentes no posible. Neste último caso, utilizarase un sistema de suxeición xa empregado en cidades como Toledo ou Ciudad Real co fin de evitar o movemento e deterioro dos lastros da calzada, tal como sucede agora polo paso dos vehículos.

As zonas de parada levarán formigón, igual que os encintados perimetrais das superficies de lastros da calzada, recollendo as tapas de pozos, rexistros e subministro, eliminando así a discontinuidade.

A actuación completarase coa mellora das redes de abastecemento e saneamento. No caso das redes eléctrica e de telecomunicacións, executarase a canalización que permita no futuro o soterramento do servizo. A rede de alumeado público soterrarase.

Outra intervención prevista é a reordenación da praza 8 de Marzo, eliminando arborado da zona sur para facilitar unha mellor iluminación natural, e cambiando de situación os bancos. Finalmente, colocarase un banco/xardineira ao longo da confluencia da rúa Virxe da Cerca coa rúa de San Pedro. Este elemento servirá tanto de separación como de protección entre a beirarrúa e a calzada.

Actuacións no Ensanche
A mesma Xunta de Goberno tamén aprobará un investimento de 218.000 euros no acondicionamento de catro rúas do Ensanche. Así, na rúa de Frei Rosendo Salvado remodelarase a canle de recollida de augas situada a carón do bordo da rúa. Na rúa da Rapa da Folla, as obras consistirán na substitución do pavimento deteriorado dunha parte da beirarrúa, recolocando tamén as pezas de pedra do bordo.

O proxecto tamén permitirá a substitución de baldosas na rúa San Pedro de Mezonzo, así como a limpeza e recolocado de pezas de granito. Finalmente, na rúa Alfredo Brañas substituirase o pavimento nos tramos de rúa máis danados.

Esta intervención completarase coa reparación de pequenas zonas deterioradas, repoñendo as baldosas deterioradas.

Compartir: