CULTURA

Kiko Veneno celebra os 20 anos do disco "Échate un cantecito!" cun concerto especial no Compostela Rock

20/11/2012 Kiko Veneno estivo en Compostela presentando todos os actos nos que estará esta semana na cidade. Nunha rolda de prensa xunto ao director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; e o xerente da Zona Noroeste da SGAE, Juan Carlos Fernández Fasero; presentou o concerto de celebración dos vinte anos de Échate un cantecito!, a proxección do documental Dame Veneno e a mesa redonda posterior arredor da censura na música.

Este venres 23, Veneno dará un concerto moi especial dentro de Cineuropa Concerto e tamén do Compostela Rock. Moi especial porque se trata da celebración do vixésimo aniversario do disco Échate un cantecito!, o de maior éxito na súa carreira. Dúas décadas dende que escoitamos por primeira vez a de "Superheroes de barrio", a de "Mensajero", "Fuego", "Me siento en la cama", "Reír y llorar", "Salta la rana" e, como non, a de "si tu no te das cuenta de lo que vale el mundo es una tontería" ("Echo de menos"). Agora, presenta unha reedición especial e fai esta xira que terá en Compostela a única parada galega. O concerto será este venres 23, con apertura de portas ás 20:00 horas e na primeira parte do mesmo, Veneno interpretará os dez temas que formaban parte dese disco. As entradas, a 18 € anticipada, 23 € o día do concerto, poden mercarse nas billeteiras do Teatro Principal, na rede Ticketmaster, en A Reixa Tenda ou na web da Sala Capitol.

Ademais do concerto con Veneno, esta semana poderemos ver dentro de Cineuropa o documental Dame Veneno o xoves 22 e o venres 23 ás 20:00 horas no CGAC. O xoves 22 estará presentado polo propio artista. Dáme Veneno é un documental pop, a historia non contada dos atropelados inicios do flamenco rock: mestura animación ao Monty Python con rock, drogas, underground, grifa, a España das chabolas e os cantaores. É de levantarse da cadeira (esas cancións, esa arte, Camarón de la Isla), de morrer de risa (o seu palmeiro e gurú Juan ‘el Camas’ rindo dos raparigos do grupo) e de poñerse a bailar.

Despois da proxección, sobre as 21:15 horas, haberá unha mesa redonda organizada pola SGAE na que, baixo o título Liberdade e creación musical: da censura política ás imposicións dos mercados, debaterán, ademais do propio Veneno, Héctor Fouce, profesor de comunicación na Universidade Complutense; e Xavier Valiño, comisario da exposición Vibracións prohibidas e autor do libro 'Veneno en doses camufladas'; así como Mercedes Ferrer en representación da SGAE/Fundación Autor.

Compartir: