TURISMO

As Cidades Patrimonio promocionan a súa gastronomía en Madrid e Barcelona

19/11/2012 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou as accións de promoción gastronómica que o Grupo de Cidades Patrimonio celebrarán en Barcelona e Madrid dentro do programa de actividades de celebración do 40 aniversario da Convención do Patrimonio Mundial. A concelleira estivo acompañada do cociñeiro Francisco Piñeiro e do responsable da empresa Queserías del Ulla, José Vascuas.

As accións, coordinadas por Turismo de Santiago, concíbense como unhas catas dinámicas dunha mostra de produtos seleccionados entre os mellores queixos, viños e aceitas das cidades. O cociñeiro recomendará posibles maridaxes e compartirá cos asistentes cinco receitas orixinais, que se degustarán posteriormente.

Os asistentes ás presentacións, xornalistas gastronómicos e de viaxes, recibirán unha guía de cata con imaxes e unha descrición técnica de todos os produtos e das receitas degustadas, así como un pack gastronómico de obsequio. A primeira acción terá lugar o 22 de novembro no Palau Moxó de Barcelona. A segunda, na Casa de Galicia de Madrid, o 28 de novembro.

O cociñeiro encargado de dirixir as catas, elaborar as receitas e comentar os produtos será o galego Francisco Piñeiro, Premio Nacional de Gastronomía "Salvador Gallego" 2011 – 2012, chef executivo de Benboa Corrubedo, un proxecto sustentable de mercado con cociña baseada no produto galego e coordinador do libro solidario Sabor a vida, elaborado por doce cociñeiros, que doan toda a recadación a Asociación Española Contra o Cancro.

O produto que representará a Santiago será o Queixo Tetilla "Tres Pazos", de Queserías del Ulla. Os queixos desta empresa de Vedra foron recoñecidos entre os tres mellores queixos de Galicia en varias ocasións na cata anual de queixos de Galicia do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla.

Os produtos e cidades representadas serán: Alcalá de Henares (viño), Àvila (queixo); Cáceres (queixo); Córdoba (aceite), Cuenca (viño); Ibiza (viño); Mérida (aceite); Salamanca (viño); Santiago de Compostela (queixo); Segovia (viño); Tarragona (aceite) e Toledo (aceite).

Compartir: