CULTURA

A Unión Musical de Cabral gaña a terceira sección do VI Certame Galego de Bandas

16/11/2012 Celebrouse a primeira xornada do VI Certame Galego de Bandas de Música no Auditorio de Galicia. A Unión Musical de Cabral resultou gañadora na terceira sección despois de que o xurado lle concedera 329 puntos, cun premio de 1.500 euros. En segundo lugar quedou a Banda de Música Santiago de Arteixo, con 291 puntos e un premio de 1000 euros, e no terceiro posto, con 266 puntos, a Banda de Música a Lira de Ribadavia, cun premio de 500 euros.

Nesta xornada, onde participaron 5 bandas pertencentes á terceira sección, aquelas que contan con menos de 50 membros, apreciouse un gran nivel, para que o xurado precisou case unha hora de deliberación. Ademais das xa mencionadas, as outras agrupacións participantes foron a Banda Municipal de Música de Lousame e a Banda de Música de Chapela. Cada unha delas interpretou un pasodobre, unha obra de elección libre e unha obra obrigada, A Batalla de Elviña, do compositor Manuel A. López Pérez.

O xurado encargado de elixir os premiados nesta primeira xornada estivo composto por José Iglesias Ramilo, José Luis Represas, Marta Silva Pérez, Xosé Carlos Seráns Olveira e Pilar Jurado.

As redes sociais tamén foron protagonistas nesta xornada. A través do Facebook e do Twitter os seguidores da Federación Galega de Bandas de Música Populares (máis de 5.000) puideron seguir minuto a minuto o devir do certame. Na xornada do domingo, as bandas pertencentes á sección segunda competirán por lograr un premio neste VI Certame Galego de Bandas de Música. A cita será a partir das 18.:00 horas no Auditorio de Galicia.

O devir do certame poderase seguir a través da páxina web da Federación Galega de Bandas de Música Populares (www.fgbmp.net).

Compartir: