ALCALDÍA

Santiago acollerá a vindeira Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España

17/11/2012 Santiago de Compostela será sede da vindeira Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España o 16 de marzo de 2013, e da súa Comisión Executiva o día anterior. Así se vén de acordar na Asemblea celebrada en Segovia e á que asistiu o alcalde compostelán, Ángel Currás.

Compostela sucederá deste xeito a Segovia como lugar de celebración da Asemblea e da Comisión Executiva do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Tras Santiago, as seguintes asembleas celebraranse en Córdoba e Salamanca en xuño e novembro de 2013, respectivamente.

Os acordos da Asemblea foron explicados en rolda de prensa polo alcalde compostelán e vicepresidente IV do Grupo, Ángel Currás; o alcalde de Segovia e presidente do GCPHE, Pedro Arahuetes; e o alcalde de Alcalá de Henares e vicepresidente II, Javier Bello. Tamén participaron nesta Asemblea os rexedores municipais de Ávila, Miguel Ángel García Nieto; Cáceres, Elena Nevado; Salamanca, Alfonso Mañueco; Cuenca, Juan Ávila; Ibiza, Marienna Sánchez-Jáuregui; Tarragona, Josep Nieto; e os concelleiros Jesús Ángel Nicolás (Toledo), Jeray Rodríguez (San Cristóbal de La Laguna) e Ángel Pelayo (Mérida).

Un dos temas tratados na Asemblea foi a adaptación aos novos tempos da estrutura do Grupo, que databa de 1993, aprobándose as medidas propostas pola Comisión Executiva. Isto implica que de nove comisións informativas se pasa a tres (Patrimonio e Cidade, Cultura e Difusión), presididas polo presidente do GCPHE e dous vicepresidentes.

Ademais, procederase a contratar un xerente director a través dunha consultora nacional. Todo isto supón que o Grupo cobra un impulso político e menos técnico, aumentando a súa profesionalización, a coordinación e o control e eficacia na xestión.

En canto ao orzamento para 2013, será igual que o do ano 2012. Así, a contribución das cidades (50.000 euros de cota anual cada unha) máis as subvencións recibidas suman un orzamento próximo ao millón de euros.

A preguntas dos xornalistas, o alcalde de Segovia, Pedro Arahuetes, manifestou a súa satisfacción polos acordos adoptados por unanimidade polas trece cidades. Tamén se mostrou satisfeito polo desenvolvemento do acto do 40º aniversario da Convención de Patrimonio Mundial da UNESCO celebrado no Alcázar, e "conmovido polo magnífico vídeo das cidades" exhibido.

Pola súa parte, Angel Currás, preguntado polo sentido do GCPHE, indicou que "xuntos podemos conseguir máis do que poderiamos facelo por separado, polo que unha estrutura como a do GCPHE é clave para as trece cidades".

Na anterior xornada, o alcalde compostelán participou tamén na Comisión Executiva do Grupo e no devandito acto do 40º aniversario da Covención do Patrimonio Mundial.

Compartir: