CULTURA

Micah P. Hinson & The Juniors Arts Collective e Timber Timbre en Cineuropa

16/11/2012 Continúa a programación de Cineuropa Concerto e o domingo 18 chegan a Compostela Micah P. Hinson & The Juniors Arts Collective e Timber Timbre para dar un concerto a partir das 20:00 horas na Sala Capitol. As entradas, a 17 €+gastos anticipada, e 21 € o día do concerto, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, en Ticketmaster, Ticketea e A reixa Tenda. Despois de Hinson estarán en Cineuropa Concerto a Real Filharmonía de Galicia, Kiko Veneno, Najwa Nimri, The Winning Numbers e Julio de la Rosa.

Escribiuse que estamos ante o Leonard Cohen do indie e ten a crítica e público rendidos aos seus pés. Dende o seu LP de debut foi ascendendo do status de descoñecido absoluto ao de figura emerxente de moda (co seu primeiro disco), de aí ao de icona de culto (co segundo) despois ao de artista consolidado (co terceiro, de 2008) e, finalmente, ao de estrela con todas as honras (dende entón a esta parte). Con tan só 29 anos é xa un referente e transcendeu os límites da escena alternativa -sen perder, por iso, a súa aura emblemática nese mundo- para calar sen problemas no 'mainstream' de miras abertas. É por iso que os grandes festivais e medios de comunicación reclaman xa a súa presenza e acollen coa mesma naturalidade que o 'undeground' a música deste prolífico oriúndo de Memphis pero residente en Abilene (Texas) desde temperá idade, que, aínda que herdeira do folk-rock clásico, está tamizada pola forma de entender a angustia e a calma da súa xeración.

A súa biografía goza de episodios intransferibles e foi escrita desde o lado salvaxe da adolescencia estadounidense. Anda salpicada de estancias en prisión e de relacións difíciles cos estupefacientes, o amor e a saúde. De aí emana o carácter convulso e catártico das súas impactantes composicións, que absorberon toda a dor que soportou para rehabilitarse e deixar iso atrás e, a partir de 2008, a tranquilidade de quen superou eses duros transos. De aí tamén procede o compoñente redentor dos seus directos, que gozan xa dun status case mítico entre os seus seguidores, moi numerosos en España. Porque dende o principio seduciron aquí o drama e beleza da súa música, ademais das súas letras, que non son un factor menor, mornas e fervidas a golpe poético de cicatrices e vals. En novembro publicará o seu próximo álbum, Micah P. Hinson And The Junior Arts Collective.

Timber Timbre
Este trío canadense, un dos adalides do neo folk norteamericano, atopou o seu lugar na encrucillada entre country e blues e pasado e presente, xogando cos ambientes claustrofóbicos, os pianos non afinados e as referencias nas súas letras á iconografía relixiosa e ao vudú. Entre 2006 e 2011 publicaron catro álbums, o último dos cales, Creep On Creepin' On, deu un paso cara adiante na procura dun son cada vez máis propio. Lonxe, ou polo menos non demasiado preto, queda o blues de acampada do seu debut e os rozamentos cos Apalaches, da mesma maneira que o apego polo legado da Carter Family da súa segunda entrega, Medicinals (2007), tamén se foron amornando.

Agora o seu percorrido penétrase máis no proto-rock'n'roll á maneira de Nick Cave. Este 2012 xa xiraron con Laura Marling e Feist, e en novembro farano con Micah P. Hinson na xira española que traerá ao estadounidense por aquí para presentar o seu próximo álbum, Micah P. Hinson And The Lonesome que se publicará ese mes. Para ese tour, no que exercerán de banda de Micah, el bautizounos como The Junior Arts Collective.

Compartir: