CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Concello e o Santiago Futsal organizan un ciclo de charlas nos centros socioculturais

16/11/2012 Presentouse en Raxoi o convenio entre o Concello e o Santiago Futsal, en virtude do cal o club compostelán realizará un ciclo de charlas formativas polos diferentes Centros Socioculturais da cidade, baixo o lema "Futsal para todos".

Con este ciclo de charlas preténdese achegar aos cidadáns unha visión máis próxima do traballo realizado no Santiago Futsal, tanto a nivel deportivo como médico, psicolóxico, etc. Segundo explicou o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, este ciclo ten a súa xénese nas charlas que a temporada pasada impartiu o club no Centro Sociocultural da Rocha, con grande acollida por parte dos veciños. Ademais, o Santiago Futsal vén achegando entradas para que os rapaces dos centros socioculturais poidan acudir aos partidos do equipo na casa, que esta temporada se celebran os venres, ás 21:00 horas.

Pola súa parte, o presidente do Santiago Futsal, Ramón García, apuntou que o club se considera "debedor da sociedade compostelá" e de aí estas charlas, nas que pretenden "achegar aos composteláns a experiencia dos profesionais que día a día fan que o Santiago Futsal estea onde está". Ademais, referiuse a estas conferencias como un vehículo para a transmisión de valores aos máis novos.

As primeiras charlas realizaranse o mércores 28 de novembro, ás 20:00 horas, no CSC das Fontiñas, e o xoves 3 de xaneiro, ás 19:00 horas, no CSC do Ensanche. O obxectivo é organizar unha charla antes de cada un dos dez partidos na casa que o Santiago Futsal aínda ten que xogar na actual temporada.

Compartir: