CULTURA

Cineuropa estrea en España "Centro Histórico", o filme de Pedro Costa, Víctor Erice, Aki Kaurismaki e Manoel de Oliveira

15/11/2012 Despois da súa estrea mundial hai tan só catro días no Festival de Roma, Centro Histórico chega a Cineuropa. A película, dirixida por catro mestres do cinema europeo (Pedro Costa, Víctor Erice, Aki Kaurismaki e Manoel de Oliveira) serve de marco para a entrega do Premio Cineuropa 2012 a Pedro Costa nesta XXVI edición do festival. É este un premio que posúen xa, entre outros, directores como José Luís Guerín, Manoel de Oliveira, Fernando Trueba ou Pablo Trapero e que este ano se lle entregará tamén á actriz e cantante Najwa Nimri. A entrega do premio e proxección do filme será o venres 16, a partir das 20:00 horas, no Teatro Principal. A entrada será de balde, previa retirada de convites na billeteira do principal dende as 15.00 horas.

Centro histórico é un dos acontecementos cinematográficos do ano, xa que nela retornan á creación dous dos autores máis importantes do cinema mundial en activo, Pedro Costa e Víctor Erice, que levaban, respectivamente, tres e seis anos sen rodar. A película recolle catro historias engarzadas polo nexo de Guimaräes, a cidade da que xurdiu Portugal como nación.

Pedro Costa ambienta Sweet Exorcism (Lamento da vida jovem) na revolución dos caraveis e conta como mentres os novos capitáns levan a revolución ás rúas, Ventura (o personaxe caboverdiano protagonista xa de filmes de Costa como No quarto da Vanda ou Juventude en marcha) pérdese nun bosque e un hospital.

Aki Kaurismaki conta en The tabern man a historia dun pousadeiro solitario recluído no vello centro de Guimarâes.

Víctor Erice dirixe A fábrica de xanelas rotas, o nome que se dá hoxe ás ruínas do que foi a industria téxtil máis poderosa de Europa.

En Ou conquistador conquistado, Manoel de Oliveira recrea o momento en que un histórico fortín, o Conquistador, é tomado. E ese momento se inmortaliza en bronce.

Compartir: