CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ábrese o prazo de inscrición no programa de conciliación de Nadal da Concellería de Centros Socioculturais

15/11/2012 A Concellería de Centros Socioculturais oferta un ano máis nas datas das vacacións escolares de Nadal un programa educativo de tempo libre que se desenvolverá nas mañás dos días 26, 27, 28 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro, con horario de conciliación para as familias compostelás. Neste Nadal o rural tamén se incorpora a estes Campamentos Abertos de Nadal. O prazo de preinscrición comeza este venres, 16 novembro, e rematará o mércores 5 de decembro.

Os Campamentos Abertos de Nadal desenvolveranse durante as datas das vacacións escolares de Nadal e contemplan actividades de lecer e educativas. Haberá actividades plásticas, de expresión artística, obradoiros de refugallo, animación á lectura e xogos, entre outras actividades.

O programa realizarase en oito centros socioculturais, aumentando así con respecto á anteriores anos. Catro deles son do rural: Nemenzo, A Gracia, Marrozos e Figueiras. Nos tres primeiros, a organización corresponde directamente ao Concello, mentres que no caso de Figueiras, que tamén dará servizo a Laraño e Villestro, a organización corre a cargo da Asociación de Veciños Nova Xeira, tamén coa colaboración municipal.

Os centros urbanos que terán o programa de conciliación serán Vite, O Ensanche, Conxo e Fontiñas. En total, entre os oito centros ofrecerán 210 prazas, 110 máis que as ofertadas en 2011.

Poderán participar rapaces e rapazas empadroados en Santiago de entre 5 e 12 anos, se ben nos centros do rural tamén se poden inscribir nenos de 4 anos. O horario das actividades nos sete programas xestionados directamente polo Concello é de de 9:30 a 14:00 horas, se ben se ofrece a posibilidade de acoller os rapaces de 8:00 a 15:00 horas. No caso de Figueiras, o horario será de 9:30 a 14:00 horas.

O prezo do programa será de 30 euros para as familias que anoten os seus fillos de 8:00 a 15:00 horas, e de 20 euros se só o fan para o horario de 9:30 a 14:00 horas. En Figueiras, a Asociación Nova Xeira tamén preveu un prezo de 20 euros. Haberá descontos por segundo fillo e para familias numerosas, mentres que as familias cos pais desempregados estarán exentas do pago.

Direccións relacionadas



Compartir: