CULTURA

O Auditorio de Galicia acolle a sexta edición do Certame Galego de Bandas de Música

14/11/2012 A VI Certame Galego de Bandas de Música celebrarase os vindeiros días 16, 17 e 18 de novembro no Auditorio de Galicia. No evento participarán 14 bandas e máis de 1.000 músicos de toda a Comunidade galega.

Os días 16, 17 e 18 de novembro celebrarase no Auditorio de Galicia a VI edición do Certame Galego de Bandas de Música. O evento, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) contará este ano con tres categorías, que concursarán, respectivamente, venres, sábado e domingo.

As bandas participantes forman parte de cada unha das seccións segundo o número de membros co que conta cada unha das agrupacións, e foron elixidas mediante sorteo. Así, o venres 16, á partir das 20:00 horas, comezará a sección terceira, da que forman parte aquelas bandas con menos de 50 músicos nas súas filas. Os participantes da terceira sección deste VI Certame son a Banda Municipal de Música de Lousame, a Banda de Música A Lira de Ribadavia, a Banda de Música de Chapela, a Unión Musical de Cabral e a Banda de Música Santiago de Arteixo. Cada unha delas interpretará un pasodobre, unha obra de elección libre e unha obra obrigada, A Batalla de Elviña, do compositor Manuel A. López Pérez.

O sábado 17 de novembro celebrarase, a partir das 18:00 horas, a sección segunda, onde participan aquelas agrupacións entre 50 e 70 membros. As bandas participantes nesta categoría son a Banda de Música Xuvenil de Xinzo, a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, a Banda da Escola de Música de Rianxo, a Unión Musical Ponte Ledesma e a Banda de Música Cultural de Teo. Interpretarán tamén un pasodobre e unha obra de elección libre, ademais da obra obrigada, que neste caso é Camiños da Fin da Terra, do compositor Antón Alcalde Rodríguez, primeiro Premio no IV Concurso Galego de Composición para Banda de Música (2ª e 3ª categoría).

O domingo 18 de novembro, a partir das 17:00 horas, celebrarase a última xornada do certame, onde participarán as bandas da sección primeira. Este ano as participantes, con máis de 71 músicos, son a Banda de Música Municipal de Valga, a Agrupación Musical de Vincios, a Banda Artísitica de Merza e a Banda de Música Municipal de Caldas. Todas elas interpretarán un pasodobre e unha obra de elección libre, así como tamén a obra obrigada O misterio do Castelo de Pambre, do compositor Victor Enguídanos Royo, premio como Finalista da Sección Sinfónica no IV Concurso Galego de Composición.

O xurado encargado de elixir os gañadores está composto por José Iglesias Ramilo, José Luis Represas, Marta Silva Pérez, Xosé Carlos Seráns Olveira e Pilar Jurado.

A Federación Galega de Bandas de Música Populares consolida con esta VI edición do Certame Galego de Bandas de Música o seu labor como impulsor de novos valores da música galega tanto no eido da interpretación como da composición.

O devir do centame poderase seguir a través da páxina web da Federación Galega de Bandas de Música Populares (www.fgbmp.net), así como tamén a través do seu Facebook, Tuenti e Twitter.

Documentos relacionados



Compartir: