ECONOMÍA

Ábrese o prazo de inscrición para os cursos do Plan de Formación Continua do programa Santiago Investors Support

13/11/2012 Vén de abrirse o prazo de inscrición nos cursos de formación continua do Santiago Investors Support. Este plan súmase ao resto de actividades do Santiago Investors Support, que teñen coma obxectivo fomentar o desenvolvemento empresarial de Santiago neste momento de crise económica. Inclúense neste Plan de Formación Continua, oito cursos gratuitos que se realizaran entre o 19 de novembro e o 22 de decembro.

Santiago Investors Support ten tres obxectivos: impulso e mellora da competitividade empresarial e comercial; proxección exterior e captación de investimentos; posta en valor e dinamización da actividade económica. Os públicos aos que se dirixe o programa son: persoas emprendedoras e inversores interesados en desenvolver proxectos empresariais no Concello; empresas e comercios xa asentados en Santiago; persoal das empresas e comercios da cidade.

O Plan de Formación Continua deseñouse en colaboración coa Asociación Área empresarial do Tambre e a Praza de Abastos de Santiago de Compostela baixo dúas premisas: por unha banda, ofertar unha serie de contidos prácticos e útiles centrados en procesos de xestión, administración, novas tecnoloxías e enerxías renovables; por outra, facilitar a participación nos mesmos que se realizarán, a través da combinación entre actividades presenciais, nos locais que a Asociación Área Empresarial do Tambre posúe no Polígono do Tambre, e actividades de teleformación.

Os cursos que se ofertan, que xa teñen aberto o prazo de inscrición, son: Photoshop; Actualización na Xestión Laboral; Actualizacións Fiscais; As Redes Sociais, Novas Formas de Marketing; Nivel Básico PRL Construccion; Residuos: Novas Alternativas; Plataformas Elevadoras e Manipulador de Alimentos.

Os oito cursos ofertan un total de 132 prazas gratuítas. Están dirixidos Empresariado, traballadores/as en activo e emprendedores do tecido empresarial de Santiago de Compostela. Terá preferencia o empresariado e persoas traballadoras en empresas asociadas a Asociación Área Empresarial do Tambre, aínda que no caso de que non se cubrisen as prazas admitiríanse a persoas desempregadas. As inscricións poden facerse a través da web www.cersiaempresa.org, onde se poden consultar tamén as datas de realización de cada curso, a súa metodoloxía e o número de prazas concreto. No caso do Curso de Manipulador/a de Alimentos, está dirixido ao personal traballador na Praza de Abastos de Santiago de Compostela.

Compartir: