CENTROS SOCIOCULTURAIS

O rural incorpórase por primeira vez ao programa de conciliación do Nadal da Concellería de Centros Socioculturais

13/11/2012 A Concellería de Centros Socioculturais oferta un ano máis nas datas das vacacións escolares de Nadal un programa educativo de tempo libre que se desenvolverá nas mañás dos días 26, 27, 28 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro, con horario de conciliación para as familias compostelás. Despois do éxito do verán, tamén neste Nadal se incorpora o rural a estes Campamentos Abertos de Nadal.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou este proxecto educativo, que se desenvolverá durante as datas das vacacións escolares de Nadal e contempla actividades de lecer e educativas. Haberá actividades plásticas, de expresión artística, obradoiros de refugallo, animación á lectura e xogos, entre outras actividades.

O programa desenvolverase en oito centros socioculturais, aumentando así con respecto á anteriores anos. Catro deles son do rural: Nemenzo, A Gracia, Marrozos e Figueiras. Nos tres primeiros, a organización corresponde directamente ao Concello, mentres que no caso de Figueiras, que tamén dará servizo a Laraño e Villestro, a organización corre a cargo da Asociación de Veciños Nova Xeira, tamén coa colaboración municipal.

Os centros urbanos que terán o programa de conciliación serán Vite, O Ensanche, Conxo e Fontiñas. En total, entre os oito centros ofrecerán 210 prazas, 110 máis que as ofertadas en 2011.

Poderán participar rapaces e rapazas empadroados en Santiago de entre 5 e 12 anos, se ben nos centros do rural tamén se poden inscribir nenos de 4 anos. O horario das actividades nos sete programas xestionados directamente polo Concello é de de 9:30 a 14:00 horas, se ben se ofrece a posibilidade de acoller os rapaces de 8:00 a 15:00 horas. No caso de Figueiras, o horario será de 9:30 a 14:00 horas.

O prezo do programa será de 30 euros para as familias que anoten os seus fillos de 8:00 a 15:00 horas, e de 20 euros se só o fan para o horario de 9:30 a 14:00 horas. En Figueiras, a Asociación Nova Xeira tamén preveu un prezo de 20 euros. Haberá descontos por segundo fillo e para familias numerosas, mentres que as familias cos pais desempregados estarán exentas do pago.

O venres 16 abrirase o prazo de preinscrición nestes programas de conciliación e pecharase o mércores 5 de decembro. De haber máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo público.

Compartir: