XUVENTUDE

Comezan as novas accións formativas programadas por Xuventude para novembro e decembro

14/11/2012 Un Curso de Fotografía Nocturna, cuxa primeira sesión está prevista para o 22 de novembro, iniciará as actividades formativas programadas pola Concellería de Xuventude para os meses de novembro e decembro. A proposta inclúe actividades de coaching laboral e un programa de obradoiros enmarcados especialmente no Nadal.

Unha das actividades será o Curso de Formación en Coaching Laboral, que pretende ser unha grande oportunidade para todas aquelas persoas que perderon o seu posto de traballo, a motivación no profesional ou que queren acceder por primeira vez a un entorno laboral. Trátase de dar apoio, soporte e guía no proceso de xeito individualizado e grupal en varias sesións, nas que se analizará a situación e inquedanzas laborais dos alumnos e nas que se realizará unha orientación grupal nas técnicas de busca de emprego.

O curso realizarase os días 27 de novembro e 4 e 11 de decembro, en sesións de 17:00 a 21:00 horas, a celebrar no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. Está destinado a mozos e mozas a partir de 18 anos e a inscrición é de balde.

Outro dos ámbitos onde máis demandan formación os mozos composteláns é a fotografía. Nesta ocasión programouse para os días 22, 23, 29 e 30 de novembro un Curso de Fotografía Nocturna. Realizarase tamén no Ensanche, en horario de 18:00 a 21:00 horas. Poden participar gratuitamente mozos e mozas a partir de 12 anos.

No curso ensinaranse os aspectos técnicos necesarios para poder realizar fotografías nocturnas correctamente, o material básico a empregar e as técnicas de procesado especificamente axeitadas para lograr as mellores imaxes nocturnas. Tratarase a planificación de saídas fotográficas nocturnas e as distintas variables interesantes para unha boa fotografía de noite. A través do emprazamento en diferentes puntos da cidade, os alumnos, coas súas cámaras fotográficas, aprenderán a sacarlle o mellor partido posible aos recursos que ofrece a cidade de noite, tratando de obter un produto final de calidade.

Nadal
Xa no marco da programación do Nadal, a Concellería preparou tres obradoiros, o primeiro dos cales estará dedicado á animación con plastilina. O taller, impartido por Mr Misto Films, será unha iniciación a este mundo da stop motion. Os participantes desenvolverán as diferentes fases das que consta a preparación e dirección dunha curta de animación, ata crear finalmente un filme animado.

Este obradoiro, de 15 horas, impartirase os días 26, 27 e 28 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro, de 18:00 a 20:30 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche. Os participantes deben ter máis de 12 anos e a inscrición é de balde.

Nas datas de Nadal tamén se realizará o Taller de Artesanía de Xoias e Complementos, impartido polo artesán Alberto Vila. Consistirá na elaboración dunha serie de creacións de deseño moderno e actual. Empregando materiais asequibles como arame, telas ou feltro faranse xoias e complementos.

O taller, gratuíto, terá lugar o xoves 20 e o venres 21 de decembro, de 18:00 a 21:00 horas, tamén non Ensanche. Está destinado a mozos e mozas a partir de 12 anos.

Finalmente, a Concellería preparou un Taller de Cociña, Nadal entre amigos. Nesta actividade, os participantes atoparán un lugar onde aprender e experimentar na cociña, divertíndose e compartindo momentos e experiencias. Terán a súa disposición os ingredientes e utensilios necesarios para confeccionar as receitas propostas. Trátase de aprender a realizar un menú creativo moi acorde con estas datas festivas co que sorprender aos amigos.

Esta actividade realizarase o mércores 12 de decembro, de 19:00 a 21:30 horas, en Hello Cooking (rúa de Sar, 96 - baixo). Dirixido a mozos e mozas a partir de 12 anos, o obradoiro ten un custo de 20 euros. O concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, visitou o centro formativo para coñecer os contidos deste curso.

Para participar nestas actividades formativas é necesaria unha inscrición previa a realizar no Departamento de Xuventude:

Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16)
Tel: 981 543 001 Fax: 981 543 002 E- mail:dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Documentos relacionados



Compartir: