PREMIOS

Teresa Moure, Álvaro Pombo e Melania Mazzucco recolleron os premios San Clemente

12/05/2006 O instituto Rosalía de Castro acolleu a entrega dos premios San Clemente. Nesta décimo primeira edición os galardoados foron: Teresa Moure, por A xeira das árbores, na categoría de novela galega; Álvaro Pombo, por Una ventana al norte, no apartado de novela en castelán, e Melania Mazzucco por Vita, na categoría de novela en lingua estranxeira traducida ao castelán ou ao galego.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, que forma parte do comité asesor que fai a primeira escolla de obras no certame, non faltou a esta cita literaria de primeiro nivel. Ó acto tamén asistiron a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, entre outros.

Un ano máis os estudantes elixiron as obras premiadas. O xurado estivo formado, ademais de polos propios alumnos do Rosalía de Castro, por outros dos institutos Sofía Casanova, de Ferrol; Ramón Cabanillas, de Cambados; San Rosendo, de Mondoñedo, e Martaguisela, do Barco de Valdeorras.

Os premios Arcebispo San Clemente comezaron alá por 1994, coa fin de promover a lectura entre os máis novos. O proceso arrinca cunha preselección de obras a cargo dun comité asesor formado por mestres e diversas personalidades. Este comité selecciona as novelas tres obras por cada unha das tres categorías. As obras teñen que estar publicadas durante o ano anterior á escolla.

Posteriormente, os profesores de lingua e literatura dos cinco centros que participan cada ano seleccionan de entre os seus alumnos dous por cada categoría. O xurado, formado por dez alumnos en cada unha das modalidades, reúnese e elixe as novelas gañadoras. Logo queda o traballo dos organizadores, que deben contactar cos escritores premiados e organizar a entrega dos galardóns. No palmarés deste premio figuran autores coma Saramago, Paul Auster, Vargas Llosa ou Antonio Tabucchi.

O evento pechouse cunha cea no Hostal dos Reis Católicos. Ademais, este ano e con motivo do 400 aniversario do colexio San Clemente, houbo unha entrega de distincións a diversas persoas que colaboraron co mesmo.

Compartir: