TURISMO E PARQUES E XARDÍNS

Santiago celebra o aniversario da Convención do Patrimonio Mundial con visitas, portas abertas nos museos e unha web da Alameda

12/11/2012 As concelleiras de Turismo, Reyes Leis, e de Parques e Xardíns, María Castelao; a xerente do Consorcio de Santiago, María Antón; e o catedrático de Botánica da USC, Jesús Izco, presentaron as actividades coas que Santiago celebrará o 16 de novembro o 40º aniversario da Convención do Patrimonio Mundial da Unesco, coa que se busca protexer os sitios culturais e naturais considerados de valor excepcional para a Humanidade. Esta celebración enmárcase dentro dun programa de actos conxuntos do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.

En Santiago haberá dúas visitas guiadas a parques da cidade, 16 museos celebrarán unha xornada de portas abertas e publicarase unha nova web sobre a Alameda, que permite facer unha visita virtual polo parque. Ademais, editáronse 6.000 folletos explicativos do programa, que se poden recoller na oficina de información turística, museos e espazos monumentais participantes, no centro de información municipal de parques e xardíns ubicado na Alameda e noutros puntos de interese turístico.

A primeira visita guiada será ao parque da Alameda, o máis antigo de Santiago. Formaba parte dun terreo extramuros cheo de carballos que chegaba ata o mosteiro de San Lourenzo, propiedade dos Condes de Altamira, ata que no ano 1546 foi doado aos cidadáns de Santiago. Foi no 1835 cando esta carballeira pública comezou a converterse en parque, coa construción do paseo do Campo da Estrela. O parque da Alameda reflicte a evolución histórica e urbanística da cidade, xa que foi crecendo xunto a ela ao longo dos séculos.

Precisamente pola importancia e o interese turístico da Alameda, desenvolveuse unha nova web sobre o parque. A estrutura e os contidos da web foron definidos polo catedrático de Botánica da USC, Jesús Izco. Na mesma inclúese información polo miúdo dos árbores, arbustos, setos e monumentos cos que conta o parque, ademais de planos onde se localizan cada unha das especies. A web é: www.parquealamedasantiago.com e pode consultarse en galego, castelán e inglés.

A segunda visita guiada será ao Parque de San Domingos de Bonaval. O parque atópase tras o antigo convento de Bonaval, fundado en 1219. O parque foi deseñado por Álvaro Siza e Isabel Aguirre en base a un mapa de 1907. Neste lugar vivían os monxes predicadores ou dominicos. Na parte alta atopábase o cemiterio, desacralizado para que puidese formar parte do parque e se reconvertera nun xardín rodeado de nichos e cinceiros baleiros, presidido por un ciprés, a árbores típica dos cemiterios desta época clásica.

As visitas á Alameda e a Bonával serán gratuítas, pero terán un límite de 25 prazas, polo que se recomenda facer unha reserva previa. A visita á Alameda será o día 16 de 11:00 a 12:30 horas. O punto de encontro é a escultura das Dúas Marías. A visita a Bonaval será tamén o día 16, de 16:00 a 17:30 horas. O punto de encontro será diante do Museo do Pobo Galego. Para máis información e reservas pode consultarse www.santiagoturismo.com ou chamar a Turismo de Santiago, no 981 555 129.

Para a celebración do 40 aniversario da Convención, tamén haberá unha xornada de portas abertas en 16 museos e monumentos da cidade que colaboran na iniciativa. Son:

1. Casa da Troia. Horario: 11:00-14:00 / 16:00-20:00 h.

2. CGAC . Horario: 11:00-20:00 h.

3. Fundación Eugenio Granell - Pazo de Bendaña. Horario: 11:00-14:00 / 16:00-20:00 h.

4. Hostal dos Reis Católicos. Horario: 11:00-14:00 / 16:00-19:00 h.

5. Mosteiro de San Martiño Pinario. Visita guiada de 2 horas de duración. Hora de comezo: 10.30. Reservas en Turismo de Santiago: 981 555 129.

6. Museo da Catedral. Horario: 10:00-13:30 / 16:00-18:30 h.

7. Museo do Pobo Galego - Convento e Igrexa de San Domingos de Bonaval. Horario: 10:00-14:00 / 16:00-20:00 h.

8. Museo das Peregrinacións - Casa Gótica. Horario: 10:00-15:00 h.

9. Museo de Arte Sacro - Mosteiro e Igrexa de San Paio de Antealtares. Horario: 10:30-14:00 h.

10. MUPEGA . Horario: 10:00-14:00 / 16:00-20:00 h.

11. Museo de Arte Sacro - Colexiata de Santa María a Real de Sar. Horario: 10:30-14:00 h.

12. Museo da Anestesia do Colexio Médico - Facultade de Medicina. Horario: 9:00-21:00 h.

13. Museo de Antropoloxía e Etnografía Sotelo Blanco. Horario: 9:00-15:00 h.

14. Museo Centro Gaiás - Cidade da Cultura de Galicia. Horario: 11:00-20:00 h.

15. Museo das Peregrinacións e de Santiago. Horario: 10:00-14:00 / 16:00-20:00 h.

16. Museo de Terra Santa - Convento e Igrexa de San Francisco. Horario: 10:30-13.30 / 16:00-19:00 h.

Compartir: