CULTURA

Babaluva inicia a sección Infantil e Familiar de Teatro&Danza con "Cama e Conto"

09/11/2012 A programación do ciclo Teatro&Danza ten unha sección especial chamada Infantil e Familiar, que ofrece o seu primeiro espectáculo o sábado 10 na Zona "C". Trátase de Cama e Conto, de Gonzalo Moure, que pon en escena Babaluva en dúas sesión, ás 18:00 e ás 19:30 horas. As entradas poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta a partir das 18:00 horas) ou na propia Zona "C" antes do evento. O prezo de cada entrada é de 5 euros, pero existe unha entrada familiar de 4x3 co cal se poden mercar 4 entradas por 15 euros.

Cama e Conto é un espectáculo baseado nas lembranzas de dúas personaxes inesquecibles, Nai e a súa filla Malva, que dialogan cos xestos e as palabras pero tamén dándolle vida aos obxectos máis cotiáns nunha montaxe chea de poesía e sentimento. En Cama e Conto trátase o paso do tempo como temática central dende unha visión optimista e pegada á realidade máis cotiá.

A relación entre Malva e Nai contén un valor exemplarizante e sincero onde podemos recoñecernos como seres humanos complexos, pero onde sempre prevalecerá a amizade, o cariño e o respecto como valores inquebrantables. Unha peza teatral sobre a importancia da lectura e das relacións humanas.

Sinopse
Hoxe Malva e a súa nai xúntanse para limpar a casa onde vivían hai tempo. Namentres recollen os obxectos da habitación, lembran aqueles días nos que Malva devecía por que a súa nai lle lera un conto antes de ir durmir. Con esas historias viaxaban ata un mundo de fantasía onde todo era posible. Pero dende que Malva aprendeu a ler as cousas cambiaron e xa non houbo "cama e conto" ata que a nena discorreu unha idea bomba.

A compañía: Babaluva
Mirari e Larraitz Urruzola, formaron a compañía de monicreques Babaluva en maio do 2008. Despois de investigar diversas técnicas de manipulación especializáronse na técnica de monicreques de obxectos sobre mesa, onde o traballo de manipulación faise á vista, creando diálogo entre actriz-títere-público-actriz. Isto ofrécelles versatilidade á hora de crear personaxes e dinámicas de interrelación co espectador.

Planifican as estratexias innovando estéticas e contidos co fin de sensibilizar sobre a situación ambiental, animar á lectura, recuperar a tradición oral, divulgar coñecementos científicos, fomentar actitudes de respecto á diversidade, formar individuos, construír sociedades tolerantes e sustentables.

Máis de 40.000 espectadores gozaron xa de Lume e Marusía nas máis de 200 representacións realizadas pola compañía dende o 2008.

Compartir: