TRANSPORTES

Pulo definitivo ao Plan de Transporte Metropolitano

12/05/2006 A posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano para a área de Santiago está cada vez máis preto, tralo convenio asinado entre os alcaldes de Santiago, Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, Teo, Val do Dubra e Vedra coa conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, María José Caride. Este convenio establece unha importante mellora da oferta de transporte público nesta área de influencia, con novos itinerarios, unha política tarifaria e a renovación de infraestruturas e vehículos. Estímase que máis de dous millóns de viaxeiros poidan facer uso destes servizos de transporte este mesmo ano.

O prezo do billete de autobús será de 0,67 euros para aqueles que paguen coa tarxeta-moedeiro. Establécese así unha bonificación de 0,33 euros a cargo das administracións autonómica (0,225 euros) e local (0,105 euros), ademais dos propios operadores (0,05 euros). A cantidade achegada para financiar esta minoración de tarifas será de dous millóns de euros ata o 2010.

O Plan de Transporte contempla novos itinerarios. Haberá novas cabeceiras de servizo distintas á estación de autobuses, fundamentalmente na rúa da Rosa. Tamén se establece unha rede de intercambiadores e reordenaranse as paradas xa existentes, de tal xeito que se distingan claramente as liñas metropolitanas das urbanas.

A mellora das infraestruturas concretarase na instalación de 53 novas marquesiñas e postos de parada, e na adaptación das vías de penetración urbana. Para este concepto, destinaranse 240.000 euros neste ano 2006.

Agora quedan varias tarefas pendentes antes de que o transporte comarcal empeze a funcionar de xeito definitivo. Unha delas é asinar os contratos coas empresas operadoras para a súa inclusión no Plan. Ademais, as máquinas canceladoras de billetes dos autobuses deberán ser adaptadas para que os usuarios poidan utilizar nelas a tarxeta-moedeiro. A posta en marcha desta tarxeta permitiralles aos cidadáns acceder aos descontos.

Unha comisión de seguimento e control encargarase de velar polo cumprimento do Plan. Esta comisión estará en permanente contacto coas empresas operadoras, co obxecto de lograr a máxima operatividade deste sistema de transporte.

Compartir: