XUVENTUDE

Continúa o Curso de Iniciación ao Cómic organizado pola Concellería de Xuventude

08/11/2012 O concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, visitou os obradoiros de banda deseñada que se están desenvolvendo en colaboración cos alumnos de Bacharelato Artístico.

Este Curso de Iniciación ao Cómic, impartido polo artista Miguel Ángel Vigo Baleirón, estase realizando no IES de Sar, xa que está especialmente pensado para os alumnos que cursen o Bacharelato Artístico neste centro. O curso ten unha duración de 16 horas e celebrarase ata o 15 de novembro, con sesións os luns e os xoves de 17:00 a 19:00 horas. A actividade é de balde.

Nesta proposta didáctica estase a realizar unha aproximación ao mundo da banda deseñada a través do emprego de diferentes técnicas, da visión e estudo dos diferentes autores, estilos dos debuxantes, técnicas narrativas. O resultado final será a elaboración dun cómic, coa posibilidade de realizar unha exposición cos traballos xurdidos do curso.

Miguel Ángel Vigo Baleirón nace en Rois en outubro de 1981. No ano 2002, despois de estudar escultura na Escola de Arte Mestre Mateo, viaxa a Friburgo, onde gaña o primeiro premio no concurso internacional Europäische Steinmetz Tage. No 2009 licénciase en Belas Artes na facultade de Pontevedra, onde é seleccionado para participar na exposición Miraxes. Artistas emerxentes de Galicia e Portugal, realizada pola Xunta de Galicia. Participa dende entón en diferentes exposicións colectivas compartindo salas con artistas de nome internacional.

Compartir: