XUNTA DE GOBERNO

O incremento da partida de bolsas comedor permitirá atender todas as solicitudes para alumnos de familias sen recursos

08/11/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o listado definitivo de beneficiarios das bolsas de comedor escolar, outorgadas pola Concellería de Benestar Social. Ademais, aprobouse o inicio do procedemento para contratar as obras previstas na rúa Virxe Branca (O Castiñeiriño) e no barrio de Vidán.

Segundo indicou a concelleira de Benestar Social e voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, 117 alumnos e alumnas de Primaria recibirán bolsas de comedor escolar neste curso 2012-2013. Destes becados, 93 sono por carencia de recursos e 24 por conciliación.

Estimando o incremento de solicitudes, a Concellería incrementou a partida para estas becas de comedor dos 70.000 aos 138.000 euros. Deste xeito, poderanse atender todas as solicitudes presentadas por familias con carencia de recursos. As 102 solicitudes rexeitadas, das 219 presentadas en total, correspóndense con peticións de becas de conciliación que non cumprían diferentes requisitos das bases. Esta segunda modalidade de becas é unha novidade deste exercicio.

Tamén no ámbito da Concellería de Benestar Social, deuse conta do convenio co Albergue Xoán XXIII para o programa "Xuntos Podemos", por importe de 3.000 euros. Estes cartos estarán fundamentalmente destinados á compra de material escolar para nenos e nenas de familias sen recursos. Ademais, comunicouse a concesión pola Consellería de Traballo e Benestar da prestación do servizo de axuda no fogar do 3º trimestre de 2012, por un importe de 53.910 euros. Lembrou a edil que este servizo, contratado a unha empresa, lle viña custando ao Concello 700.000 euros anuais, que se incrementarán ata os 900.000 en 2013.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, iniciouse o procedemento de contratación das obras de reurbanización da rúa Virxe Branca, por importe de 240.679 euros. A actuación nesta rúa do Castiñeiriño, situada entre os SUNP 11 e 12, inclúe reparacións en canalizacións, beirarrúas e accesos ás vivendas. Ten un prazo de execución de tres meses.

Ademais, aprobouse a subvención para a construción dun ascensor no número 11 de San Pedro de Mezonzo. Esta é a cuarta licenza que se outorga para a instalación de elevadores neste entorno das chamadas Casas de Ramírez.

Medio Rural
Na Xunta de Goberno tamén se deu conta da adxudicación do proxecto de desbroce de cunetas para 21 parroquias do rural, por importe de 71.244 euros. Oito equipos de traballo, compostos por dúas persoas cada un, executarán estes labores, cos que se pretende actuar sobre 192 quilómetros. O prazo de execución é de 30 días.

Outro asunto no ámbito desta Concellería foi a toma en consideración da solicitude de adianto do 50% dunha subvención pedida a AGADER (118.000 euros) para o arranxo do campo da festa de Nemenzo, así como do inicio da devandita obra para 2013.

Barrios
A proposta do concelleiro de Barrios, iniciouse o procedemento para contratar as obras de pavimentación e mantemento e outras actuacións previstas no barrio de Vidán, por un importe de 75.207 euros. Entre as actuacións a realizar figuran as dos accesos ao local social e a Chouchiños.

Festas
Tamén se iniciou o procedemento para contratar o arrendamento de equipos de iluminación pública durante o Nadal. A gran novidade deste ano é que se colocarán 23 arcos nas parroquias do rural. Ademais, instalaranse seis arcos nas entradas da cidade. Malia estas dúas novidades, que supoñen un aumento do numero de equipos, a contratación realizarase por un 15% menos que no ano 2011 e por un 28% menos do ano 2010.

Turismo
Finalmente, deuse conta do convenio entre o Concello e Incolsa para o mantemento desta última por importe de 899.315 euros.

Documentos relacionados



Compartir: