FESTAS

Luar na Lubre edita o concerto da praza da Quintana do 31 de xullo

07/11/2012 Luar na Lubre publica Sons da lubre nas noites de luar, unha caixa con 3CD+DVD, que recolle o mellor dos seus 25 anos de carreira. Son 45 cancións, sete videoclips e un concerto gravado ao vivo na praza da Quintana, o 31 de xullo, no marco das Festas do Apóstolo.

O concelleiro de Festas, Francisco Noya, participou na presentación deste novo traballo de Luar na Lubre nunha rolda de prensa celebrada no Teatro Principal. O edil felicitou ao grupo pola publicación e lembrou aquel concerto do 31 de xullo, agora transformado en DVD, que cualificou de "excepcional", froito dunha "simbiose entre un extraordinario grupo, un marco incomparable e un público entregado que encheu a praza".

Ademais, Francisco Noya salientou o esforzo municipal para que aquela actuación fora de balde, ao igual que outras de música galega que o seu Departamento programou nas Festas do Apóstolo. Tal foi o caso das actuacións de Milladoiro e Budiño, tamén gratuítas. Neste sentido, o concelleiro insistiu na aposta da Concellería pola música folk.

O concerto gravado na Quintana reflicte o momento de éxito actual e a destacada traxectoria de 25 anos de Luar na Lubre, grupo formado por Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfona), Paula Rey (voz), Xulio Varela (bouzouki, voz, percusión), Eduardo Coma (violín), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor, djimbek), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos) e Xan Cerqueiro (frautas). Ao longo deste cuarto de século de vida, pola banda pasaron as voces de Anna Espinosa, Rosa Cedrón e Sara Louraço, ata chegar á actual de Paula Rey. Todas, xunto ao elevado carácter instrumental de Luar na Lubre, marcaron a música dun grupo único e referencial polo seu tratamento das músicas tradicionais de raíz fundamentalmente galega.

Do novo traballo, o CD1 titúlase "Trasnos" e contén temas instrumentais. O CD2 é "Fadas" e presenta as cantigas líricas máis representativas (baladas, romances, temas tradicionais e de composición propia...) cantadas polas diferentes voces femininas que marcaron unha parte da sonoridade do grupo en cadanseu tempo. O CD3 leva por título "Encantos" e ofrece os duetos que Luar na Lubre ten interpretado con artistas como Lila Downs, Ismael Serrano, Adriana Varela, Pat Kilbride, Pedro Guerra, Diana Navarro ou Pablo Milanés, entre outros. Xunto a estes tres CD, a caixa inclúe sete videoclips e o referido concerto gravado na Quintana.

Compartir: