EDUCACIÓN

Os mexicanos David Álvarez e Julia Díaz recibiron o seu galardón como gañadores do Premio Compostela de Álbums Ilustrados

07/11/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, presidiu o acto de entrega de premios aos mexicanos David Álvarez e Julia Díaz, gañadores do V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. Antes, os artistas impartiran unha clase ao alumnado ao alumnado e profesorado de 1º e 2º de Bacharelato Artístico do IES de Sar. Na mesma, os artistas explicaron a técnica e o proceso de creación do álbum galardoado, Bandada.

O V Premio Internacional Compostela de Albums Ilustrados tivo como gañadores aos mexicanos David Daniel Álvarez Hernández e Julia Díaz Garrido. A súa obra, Bandada recibiu así un galardón dotado con 9.000 euros e que comporta a publicación do libro en castelán, galego, catalán, éuscaro e portugués.

A concelleira de Educación presidiu a cerimonia de entrega de premios, realizada no salón vermello de Raxoi e amenizada musicalmente polo cuarteto de clarinete formado por Alberto Vigo, Teresa jareño e Enrique Comesaña, dirixidos por Pablo Pascual, profesor titular de clarinete e gaita da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.

Bandada é un relato, a base de frases breves e sutis, que propón unha reflexión sobre a historia da humanidade: o desenvolvemento dunha sociedade que inicialmente busca o coñecemento, o progreso técnico e científico, o benestar e un bo porvir, pero que nese tránsito pervirte os seus principios, xera violencia e dominación dos fortes sobre os débiles.

Dende o punto de vista estético, destaca polo simbolismo das ilustracións, protagonizada por toda clase de paxaros humanizados, representados cun extraordinario detallismo, en branco e negro. O xurado destacou o virtuosismo da técnica artística para conseguir imaxes dunha extraordinaria calidade e forza expresiva…Un lirismo poético, un xogo contraditorio e unha mensaxe de esperanza que se leva ao extremo dunha maneira moi hábil, asociando as aves desta historia coa incapacidade natural da persoas para voar.

256 traballos de 19 países
O Premio, convocado por quinto ano consecutivo pola Concellería de Educación e a Editorial Kalandraka no marco da Campaña de Animación á Lectura que cada ano se organiza dende o Concello, tivo nesta edición 256 albums ilustrados participantes, procedentes de países como Alemaña, Italia, Suíza, Dinamarca, Portugal, Francia, Holanda, Gran Bretaña, Arxentina, Chile, Brasil, Ecuador, México, Colombia, Uruguai, Perú ou Estados Unidos, ademais de España. Nas cinco edicións xa van máis de 1.531 traballos a concurso.

O xurado estivo formado polo entón concelleiro de Educación e agora alcalde, Ángel Currás Fernández; a editora e investigadora Felicidad Orquín; o ilustrador Xan López Domínguez; a editora Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka; o xefe do Departamento de Educación, Xosé Manuel Rodríguez-Abella; e a técnica do Departamento Beatriz Varela como secretaria técnica.

Os gañadores
David Álvarez (México D.F.,1984) é licenciado na Escuela de Diseño del Instituto Nacional de Bellas Artes de México (EDINBA). Os seus estudios de Artes Plásticas levárono ao campo da ilustración, no cal xa recibiu varios recoñecementos a nivel internacional: Primeiro Premio en ilustración na categoría de Estudante no Encontro Latinoamericano de Deseño 2011, organizado pola Universidade de Palermo; Segundo lugar no Catálogo de Ilustradores para Publicacións Infantís e Xuvenís da Cidade de México 2011. Tamén foi seleccionado para a Bienal de ILUSTRARTE 2012 en Lisboa.

Julia Díaz (México D.F.,1986), é licenciada en Deseño, na Escuela de Diseño del Instituto Nacional de Bellas Artes de México (EDINBA). Ten participado en diversos obradoiros de creación e edición de libros ilustrados, algúns impartidos por recoñecidos artistas como Gabriel Pacheco, Javier Zabala ou Suzanne Zeller.

A convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados encádrase na Campaña de Animación á Lectura que o Concello de Santiago e Kalandraka organizan anualmente no mes de abril, e que en 2013 chegará á súa décimo terceira edición. As actividades programadas -sesións de contos e música, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actos nas librarías da cidade, charlas para docentes e familias- chegan a máis de 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

Compartir: