ALCALDÍA

O alcalde recibe a Asociación Cidade Vella para escoitar as súas demandas

05/11/2012 O rexedor compostelán, Ángel Currás, recibiu esta mañá na Alcaldía os integrantes da asociación cultural Cidade Vella para tratar con eles asuntos como o mantemento dos convenios de índole cultural ou a axilización dos trámites das terrazas interiores en locais de ocio.

Ángel Currás comprometeuse a estudar as propostas e reafirmouse na intención do Concello de manter os convenios para a dinamización cultural da zona vella que xa se viñan asinando nos dous últimos anos. Estes acordos de colaboración deron pé á celebración nos meses estivais do programa "Verán na rúa", que contribuíu positivamente á animación de rúas e locais da zona vella. Os responsables da asociación agradeceron a disposición do alcalde e sinalaron a importancia dos devanditos convenios, que manterán a súa contía.

A asociación tamén lle trasladou as súas inquedanzas en relación coa axilización dos trámites para a legalización das terrazas interiores, de acordo coa nova ordenanza municipal, así como a posibilidade de recuperar espazos internos nalgúns estabelecementos do casco histórico. Así mesmo, os representantes da entidade puxeron sobre a mesa a posibilidade de dinamizar parques da zona vella, como o de Belvís, a través da instalación de quioscos para o seu aproveitamento como zonas de ocio.

Compartir: