CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Outono Fotográfico achega cinco exposicións aos centros socioculturais

02/11/2012 A Concellería de Centros Socioculturais apoia e colabora un ano máis no Outono Fotográfico, iniciativa xurdida hai 30 anos da man do falecido Benito Losada. Xosé Lois Vázquez, en colaboración con Víctor Nieves, son actualmente os directores deste certame. A edición deste ano deu como resultado 118 exposicións, repartidas en 90 salas en toda Galicia. Cinco delas exhíbense en centros socioculturais da cidade.

O Concello de Santiago colabora facilitando espazos para exposición, que son os centros socioculturais de Conxo, Vite, Fontiñas, A Trisca e O Castiñeiriño. Ademais, tamén fai unha achega económica á organización de 2.000 euros. O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, convidou a todos os composteláns a que se acheguen a visitar estas exposicións.

Os traballos que se amosan en Santiago son de temáticas variadas, mesturándose a reflexión sobre o presente, a beleza dos elementos da natureza e a concepción instantánea da fotografía:

- NÓS, de Tono Arias, do 17 de outubro ao 11 de novembro, no Centro Sociocultural de Conxo.

- DEL HUEVO AL VUELO, de Dolores Carretero Vaquer, do 2 ao 30 de novembro, no Centro Sociocultural da Trisca.

- AGUA, de Ramón Iribarnegaray Saburido, do 2 ao 30 de novembro, no Centro Sociocultural do Castiñeiriño.

- REFLEXIÓNS, de Martín García, do 2 ao 30 de novembro, no Centro Sociocultural de Vite.

- VER (VISION EXTREMA REAL), de Albert Brull Gracia, do 2 ao 30 de novembro, no Centro Sociocultural das Fontiñas.

Xosé Lois Vázquez, director deste certame, destacou que, dende 1989 ao 2010, participaron mais de 5.000 fotógrafos e que co paso dos anos se converteu no festival de fotografía decano na península. Proba da súa importancia é que, entre o 2011 e 2012, teñen participado cerca de 900 fotógrafos con 226 exposicións.

A XXX edición do Outono Fotográfico amplía os limites do Festival en catro direccións. En primeiro lugar, o espazo expositivo que primeiro se ampliou a Portugal e Cataluña e agora a Brasil. En segundo lugar, o tempo de exposición tamén se amplía, xa que nesta edición comezaron a mediados de setembro. En terceiro lugar, a creación de novas seccións como a Sección Oficial ou a incipiente "Historias da Fotografía Galega", un espazo de recuperación da memoria galega a través da fotografía que está dirixido por Pepe Esteiran. E, finalmente, o Outono Fotográfico tende a coidar a fotografía mediante obradoiros, premios como o Premio Nacional de Fotografía de Galicia e unha paulatina maior esixencia do nivel de acabado técnico das exposicións.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: