MEDIO RURAL

Medio Rural inicia o desbroce de 192 quilómetros de pistas do rural

02/11/2012 O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, deu conta en rolda de prensa da inminente execución da fase de desbroces nas pistas asfaltadas do rural, unha vez rematados os traballos realizados nas pistas forestais. Tamén informou do comezo das obras do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2012).

Está previsto que na vindeira semana comecen os traballos de desbroce nas pistas asfaltadas do municipio. Oito equipos de traballo, compostos por dúas persoas cada un, executarán estes labores, cos que se pretende actuar sobre 192 quilómetros. Segundo o concelleiro, intentará actuarse con maior intensidade e amplitude, co fin de que as pistas "poidan aguantar xa ata maio ou xuño".

En canto aos traballos de desbroce rematados, os das pistas forestais, actuouse finalmente sobre 365 quilómetros grazas ao proxecto cofinanciado polo Concello e a Consellería de Medio Rural.

Obras
Os meses de outono serán tamén intensos en canto a obras no rural. Así, de xeito inmediato iniciaranse as obras contempladas no POS 2012. A primeira actuación en executarse será a dos lugares de Garabal, Barral e As Pereiras, na parroquia da Gracia, por un importe de 114.521 euros. O resto das obras irán comezando progresivamente e segundo a súa urxencia.

Ademais, o concelleiro de Medio Rural anunciou que, unha vez coñecido o importe que lle corresponderá ao Concello de Santiago con cargo ao POS 2013, 554.792 euros, xa se están elaborando os proxectos para incluír neste programa. Entre as actuacións previstas, Luis Bello apuntou o perfilamento duns 100 quilómetros de cunetas de pistas do rural e un proxecto para San Paio, en Lavacolla.

Para determinar o programa definitivo deste POS 2013 para Santiago, a Concellería manterá contactos coas asociacións veciñais, co fin de que estas expoñan aquelas necesidades que consideren máis urxentes.

PEIM
Finalmente, o edil deu conta da aprobación pola Xunta de Goberno das obras do Programa Estratéxico de Infraestruturas do Rural (PEIM), da Consellería do Medio Rural e do Mar. Agarda que o departamento autonómico inicie a execución das obras neste mes de novembro.

As obras aprobadas no marco do PEIM suman un importe de 104.385 euros. Trátase de actuacións de mellora dos seguintes camiños: Roán – Lamascal – Ponte Vilar (San Xoán de Fecha), Santa Cristina de Nemenzo – Ponte Chaián (Nemenzo – Verdía), A Fontecova – Pk CP-0701 (Figueiras), Tras Igrexa (Villestro), Pardiñas de Abaixo (Laraño), Piñeiro – Cruce Eixo de Abaixo (O Eixo), O Sisto (Marrozos), Cañoteira – túnel ferroviario – Barreira (Marrozos), Gamás (Marrozos), A Lavacolla (Sabugueira), Marzo de Abaixo – Aradas (Grixoa – A Peregrina), Barciela – Km 1,83 AC-250 (A Barciela) e Neiro de Arriba – Igrexa de Busto (Busto).

Compartir: