ECONOMÍA

Presentada no CERSIA a Asociación de Xestores de Innovación de Galicia

02/11/2012 Representantes da innovación reuníronse no Edificio CERSIA con motivo do acto de presentación da Asociación de Xestores de Innovación de Galicia. O acto inaugural contou coa asistencia do concelleiro Francisco Noya; do presidente da Asociación de Xestores de Innovación de Galicia (AXIGA), Ángel Pereira; e de Benito Fernández, da Axencia Galega de Innovación.

AXIGA foi constituída no ano 2010, sendo este o seu primeiro evento de presentación, onde deron a coñecer as actividades que están a desenvolver así como os servizos que ofrece. Ángel Pereira fixo especial mención "a necesidade que cubre a Asociación de poder aglutinar a todos os profesionais da innovación que están a traballar en empresas, centros tecnolóxicos, universidades ou consultoras. A figura do xestor de innovación ou tecnológo é relativamente recente e cremos que cun potencial de crecemento inmenso, así que agardamos que AXIGA se converta nun referente, nun lugar de encontro e networking en onde se poidan acadar sinerxias entre os seus asociados".

No evento houbo tamén espazo para analizar a situación da innovación en España e Galicia na última década cunha grande conclusión: a crise económica que comeza no ano 2008 fai que se reduza o gasto que as empresas estaban destinando a I+D+i. No ano 2008 o gasto ascendía a 20.000 millóns de euros e no ano 2010 esa cifra descende ata os 16.000 millóns de euros. Non obstante, asociados a AXIGA quixeron facer partícipes aos asistentes cos seus casos de éxito, en concreto no ámbito do emprendemento e do sector TIC.

Compartir: