PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Apoio do Consello de Relacións Veciñais ao traslado da pista de xeo á Alameda

02/11/2012 O Consello de Relacións Veciñais, deu o seu apoio unánime ao traslado da pista de xeo da praza da Quintana á Alameda compostelá. A concelleira de Turismo e Comercio, Reyes Leis, foi a encargada de explicar aos representantes veciñais esta decisión do Goberno municipal na última sesión ordinaria do Consello, na que tamén se deu conta dun avance da programación prevista para o vindeiro Nadal.

Seguindo coas materias do seu Departamento, Reyes Leis, lembroulles aos integrantes do Consello de Relacións Veciñais que se segue traballando na redución de "gastos superfluos". Así, indicou que se volveu a negociar o aluguer do local da rúa do Vilar, onde están as oficinas de Incolsa, cuxa factura se conseguiu reducir de 5.000 a 3.500 euros ao mes.

En termos similares pronunciouse respecto á publicidade: "Había un exceso de publicidade impresa que agora non se lee. Ten un custo alto e a Concellería limítase a facelo pola web, o cal supón un aforro altísimo". Tamén falou da potenciación do turismo de estranxeiro, con máis poder adquisitivo, de países como Francia, Gran Bretaña, Xapón, Estados Unidos ou Rusia. Hai cifras significativas, como o incremento dun 50% das visitas procedentes dalgúns países respecto ao 2011, ou mesmo dun 80% no caso do turismo xaponés. Neste sentido, indicou que hostaleiros e Cámara de Comercio están traballando neste eido.

Finalmente, comentou que se vén intensificando a relación co Xacobeo e a presenza en feiras de turismo en coordinación con Turespaña.

Nadal no rural e novas actuacións
Na sesión do Consello de Relacións Veciñais, o concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, informou tamén da decisión de levar, por primeira vez, un arco de iluminación de Nadal a cada parroquia do rural. Colocaranse preto dos núcleos de poboación que indiquen as asociacións. Explicoulles aos representantes veciñais que, malia dispor dun 15% menos de orzamento que en 2011 e un 28% menos que en 2010, mesmo se colocarán máis motivos de Nadal. Puxo como exemplo os seis arcos que se colocarán nos accesos á cidade.

Noutra orde de cousas, Francisco Noya anunciou a apertura do Centro Sociocultural de Santa Marta a finais de 2012 e que se está estudando a posibilidade de que conte con actividades os domingos pola tarde.

En resposta a unha solicitude realizada na anterior reunión do Consello, confirmóuselle a este a apertura dos xardíns do pazo Amarante e, proximamente,dos de Fonseca, así como que San Xoán será festivo en 2013.

Para rematar, o concelleiro informou das reformas realizadas nos locais socioculturais da Rocha, Sar e Pelamios e do novo da Almáciga. Agora vaise arranxar o LSC de San Lourenzo, por ser o que peor estado presenta. Salientou tamén o aforro do 50% en alugueres, que se destinará a reparacións nos locais e centros socioculturais.

Compartir: