CONSORCIO

O Consorcio de Santiago convoca axudas ao mantemento de edificios na Cidade Histórica

01/11/2012 O Consorcio de Santiago abre o prazo de solicitudes para acollerse ás axudas para o mantemento de edificios situados na Cidade Histórica de Santiago. Así, habilitou unha partida de 100.000 euros destinada a subvencionar obras de conservación en fachadas, cubertas, portas, fiestras e galerías de madeira. Tamén se poderán arranxar os canlóns e as baixantes de pluviais. O prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de decembro.

Baixo o lema Ter é manter, esta liña de axudas está pensada para aqueles edificios do casco histórico que presenten un aceptable estado de conservación ou que foron rehabilitados nos últimos anos, para garantir neles os traballos necesarios de conservación. Con este programa quérese facer fincapé na cultura do mantemento, clave para a conservación dunha cidade Patrimonio da Humanidade como é Santiago de Compostela.

Con este apoio técnico e económico, o Consorcio de Santiago quere fomentar a cultura do mantemento, xa que se trata da mellor maneira de optimizar recursos económicos e fomentar a cultura da conservación do patrimonio. En definitiva, é recuperar os vellos hábitos do mantemento que permitían conservar en boas condicións as vivendas, evitando facer obras máis custosas.

A subvención será de ata o 40 % do custo de execución das obras de mantemento e é proporcional ao tamaño do inmoble. Poden ser beneficiarios das axudas propietarios, arrendatarios ou titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble. O uso principal do edificio debe ser o de vivenda, estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica e ter suficiente seguranza estrutural e estanquidade fronte á chuvia e unha antigüidade superior a 5 anos.

Para acceder ás subvencións basta con presentar o proxecto técnico de obra de mantemento e realizar a solicitude na Oficina da Cidade Histórica que o Concello ten habilitada na praza de Cervantes.

Documentos relacionados



Compartir: