BENESTAR SOCIAL

O Concello favorece a inserción social do pobo xitano

11/05/2006 Os servizos sociais do Concello están a traballar en varios proxectos de intervención social integral para a atención, prevención da marxinación e inserción do pobo xitano. Estes programas foron presentados pola concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira e por dúas traballadoras sociais, Inma Peleteiro e Sandra Ferreño.

Un deses programas é o de intervención familiar, que ten un custo de algo máis de 40.000 euros, destinado a apoiar a familias que sofren algún tipo de crise puntual ou permanente, por diversas razóns: absentismo escolar, comportamentos antisociais, etc. Esta iniciativa non está dirixida unicamente ao colectivo xitano, senón tamén ao paio.

Segundo apuntou Adelaida Negreira, estes problemas "non afectan só a familias con rendas baixas, senón tamén medias e medio-altas". Un total de 28 familias están a beneficiarse deste programa na actualidade. O traballo no domicilio é un piar básico do proxecto. Permite afrontar as carencias no propio ambiente e que as persoas perciban os cambios que conseguen nesa intervención.

Outros proxectos postos en marcha son o de medidas de apoio á prevención e integración social, os obradoiros para actividades na vida diaria e o programa "Descubre a túa cidade", que leva a pais e fillos por diverso itinerarios da cidade.

A concelleira anunciou que en breve se porá en marcha un espazo de referencia no que desenvolver aquelas actividades que complementan ó traballo no domicilio familiar. Para iso habilitarase unha vivenda social non utilizada, na que se realizarán os diversos obradoiros en materia de relacións familiares, educación para a saúde ou orientación laboral.

Compartir: