CULTURA

Mofa e Befa estrean a súa nova produción,"Románticos", no Principal

30/10/2012 Estréase no Teatro Principal Románticos, a nova obra de Mofa e Befa-Produccións Excéntricas. A estrea enmárcase dentro do ciclo Teatro&Danza, e terá cinco funcións, dende o mércores 31 de outubro, ata o domingo 4 de novembro, ás 21:00 horas (agás domingo, que será ás 20:00 horas). As entradas poden mercarse xa na billeteira do Teatro Principal, que está aberta de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado e os días de evento. O prezo é de 10 euros, 6 euros no anfiteatro.

Mofa & Befa regresan para colocar un dos mitos contemporáneos no seu sitio: o espírito romántico. A revolución que transformou o mundo e o converteu nun espazo de liberdade serve agora de desculpa para a creación de cancións e filmes con sobredose de edulcorantes sintéticas. Si, os transboleros e as afterbaladas que martirizan usuarios de transportes públicos e visitantes de centros comerciais. O romántico ficou reducido a música de cantores como Sergio Dalma, os ollares de carneiro dos galáns de novela televisiva e á memoria para lembrar os aniversarios de vodas.

Mofa e Befa, sensible ao auténtico espírito romántico, quere lembrar os cumes treboentos, as negras sombras, os monstros feitos de materia morta, os enxangues amores de vampiros prolongándose nos séculos, as mulleres dacabalo fumando cigarros e os navíos errantes de matrícula holandesa.

Poderemos contemplar a loita do monstro de Frankenstein contra o sinistro Julio Iglesias, comparando as cicatrices operatorias. As asombrosas revelacións do psicanalista arxentino de Rosalía de Castro. A conde Drácula cantando o afamado bolero "Pasarán más de mil anhos". Un consultorio sentimental para mellorar a nosa relación sentimental, e porque non, sexual, con amantes que xa morreron e que volven en forma de estatua, de zombi ou de espírito sutil. E para o que queira levar o seu romanticismo a extremos molestos para a familia, un breve manual de suicidio.

Un instrutivo repertorio de Mofa e Befa que se verá completado polos luminosos esclarecementos do doutor Cadaval e polo romántico bálsamo das aveludadas melodías de Piti Sanz. Catro monstros, catro no palco de Mofa e Befa. A elevada temperatura emocional que só Mofa & Befa sabe crear, fará que se che derreta o touciño. Un espectáculo para gozar en parella como óptimo preludio dunha noite romántica.

Compartir: