FESTAS

O Concello leva o alumeado de Nadal por primeira vez ás parroquias do rural

29/10/2012 As 21 parroquias do rural compostelán terán por primeira vez alumeado de Nadal. Así o anunciou o concelleiro de Centros Socioculturais, Participación Cidadá e Festas, Francisco Noya, a propósito da próxima apertura do procedemento para contratar a iluminación destas datas.

Francisco Noya indicou que o prego deste exercicio incluirá a instalación de 23 arcos luminosos nas 21 parroquias do rural do municipio. Colocaranse en puntos neurálxicos das parroquias consensuados coas asociacións veciñais. Neste sentido, o edil apuntou como ubicación preferente na maioría dos casos as proximidades á igrexa parroquial.

O rural súmase así a un proxecto de alumeado que, para todo o concello, terá un prezo de saída de 50.866 euros máis IVE, inferior aos 59.540 euros de 2011 e aos 69.975 euros de 2010. No total do ano, o orzamento dispoñible por Festas para iluminación é de 95.000 euros.

O concelleiro situou esta diminución do orzamento no aforro ao que tamén se debeu someter o Departamento de Festas. Malia isto, indicou que, ademais da novidade dos arcos luminosos do rural, o alumeado de Nadal terá a mesma calidade e ubicacións no Casco Histórico e o Ensanche que en 2011. Mesmo haberá algúns motivos luminosos a maiores, engadiu.

Francisco Noya enmarcou esta medida no "importante esforzo" que seu Departamento vén realizando para "por en valor" as parroquias. Así, referiuse á colaboración nas festas patronais, achegando ata 25 atraccións en 2012 (inchables, charangas...), ao programa específico de excursións para o rural ou ao programa de conciliación posto por en marcha por primeira vez no pasado verán e no que participaron 123 rapaces e rapazas.

Compartir: