NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Obradoiro de Escrita Creativa en Conxo

27/10/2012 Froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, celebrouse no Centro Sociocultural de Conxo a primeira das sesións do Obradoiro de Escrita Creativa, conducido polo escritor Carlos Negro.

Este Obradoiro de Escrita Creativa pretende lograr que os participantes adquiriran o hábito da escritura como outra maneira de gozar do tempo libre, á vez que afonda na afección pola lectura e na valoración do feito literario como produto lingüístico, estético e sociocultural. Os concelleiros de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e de Centros Socioculturais, Francisco Noya, asistiron á primera das sesións.

O Obradoiro realízase Centro Sociocultural de Conxo e conta con dez sesións de dúas horas cada unha. A inscrición era de balde.

Esta acción literaria completarase con dous paseos literarios guiados por Euloxio R. Ruibal e Marilar Aleixandre, deseñadores e tamén guías de cadansúa ruta, coas que calquera persoa interesada poderá achegarse á Compostela literaria desde a particular visión dos autores. A primeira das citas será o 10 de novembro ás 12 da mañá e comezará na escultura de Chillida no Parque de Bonaval co dramaturgo Euloxio Ruibal como protagonista. A segunda iniciarase tamén ás 12, o 24 de novembro, diante do Hostal dos Reis Católicos con Marilar Aleixandre. Para participar nestes itinerarios non é necesario inscribirse previamente.

Compartir: