CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Concellería de Centros Socioculturais únese ás celebracións do Samaín

01/11/2012 A Concellería de Centros Socioculturais participa na celebración das diversas tradicións que entorno ás datas do vindeiro 31 de outubro e 1 de novembro, nos achegarán ás costumes vencelladas ao Samaín e aos Santos Defuntos.

A Comisión das Festas Tradicionais de Conxo, da que forma parte o Centro Sociocultural, organiza a Festa das Cabazas. Celebrarase durante toda a xornada do sábado 3 de novembro. Haberá un contacontos con Soledad Feyoza, exposición e concurso de cabazas, un tunel de terror para os máis pequenos no CSC e actividades de dinamización en prazas e ruas do barrio, así como un magosto na praza Aurelio Aguirre.

Ademais, noutros centros e locais da rede sociocultural haberá sesións de contacontos. Así, o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche terá o venres 2, ás 19:00 horas, unha sesión para público adulto con Celso Sanmartín.

Outra das actividades previstas son os obradoiros e xogos coa temática do terror na aula de xogo do Centro sociocultural das Fontiñas.

Nestas datas, os centros e locais decoraranse con adobíos propios da festa: cabazas, velas, manualidades mobles de pantasmas feitos polos usuarios das distintas actividades. Esta tradición vai ano a ano collendo pulo na Rede de Centros Socioculturais, como antícipo lúdico e vivencial das seguintes festas de Nadal que xa se achegan e que terán programacións específicas.

Actividades de novembro
Durante o mes de novembro, os centros socioculturais acollerán parte das actuacións concedidas para este ano no marco do programa Rede Cultural, da Deputación Provincial de A Coruña.

O programa de actuacións previstas durante a primeira quincena do mes de novembro inclúe a actuación do grupo de teatro Melandrainas o mércores 7 de novembro, ás 17:30 horas, no Centro Sociocultural do Castiñeiriño. Representará a obra para público infantil Tres bruxas con moitos fumes. Entrada de balde ata cubrir aforo.
´
No Centro Sociocultural da Trisca, o 10 de novembro, ás 18:30 horas, o mago Javier Muros presenta a mestura entre contacontos e maxia de Un conto máxico. O espectáculo está dirixido a nenos de 5 a 12 anos e a entrada é tamén gratuíta ata cubrir aforo.

Contacontos
Ademais, haberá contacontos nos centros socioculturais dentro das accións habituais de animación á lectura da Biblioteca José Saramago. Así, na aula de xogo infantil do CSC de Vite, sesión con Pablisimo o xoves 8 de novembro, a partir das 18:00 horas.

E o sábado 10 de novembro, ás 18:30 horas, a Xanela do Maxín estará co seu contacontos Os libros do titiriteiro no Local Sociocultural da Peregrina.

Mais información en www.santiagosociocultural.org

Compartir: