XUNTA DE GOBERNO

Obras de mellora na beirarrúa entre a rúa das Mulas e o tanatorio de Boisaca

25/10/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou varias obras a executar nos barrios da cidade, entre elas en Meixonfrío, coa mellora da beirarrúa entre a rúa das Mulas e o tanatorio de Boisaca. Ademais, iniciouse o expediente para contratar o servizo de limpeza, conservación e mantemento dos centros educativos de infantil e primaria da cidade.

A obra a executar en Meixonfrío permitirá construír unha beirarrúa entre a rúa das Mulas e o tanatorio de Boisaca. Esta era unha longa reivindicación dos veciños da zona, onde os peóns deben convivir cunha alta densidade de tráfico. Investiranse 45.761 euros.

Seguindo coas obras da Concellería de Barrios, adxudicáronse as previstas en San Paio e San Pedro-Concheiros por importe de 31.749 e 37.600 euros, respectivamente. Na primeira zona actuarase na pista e na travesa de Asén, na rúa Tras da Costa, na pista lateral de inicio de Casas Novas, en San Paio do Monte e na rúa do Empedrado, entre outras; na segunda, as obras afectarán á praza da Cruz de San Pedro, á calzada se Santo Antonio e á zona do Seminario Menor.

Educación
En materia de Educación, iniciouse o procedemento para contratar o servizo de limpeza, conservación e mantemento dos centros escolares de infantil e primaria do municipio para o curso 2013-2014. O tipo de licitación é de 1.080.000 euros.

Centros Socioculturais
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a aprobación do proxecto de modificación orzamentaria que permitirá unha transferencia da partida de Relacións Veciñais á de Centros Socioculturais. Tal como explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, trátase de incrementar en 30.000 euros a partida existente de 6.800 co fin de dotar de mobiliario ao Centro Sociocultural de Santa Marta.

Tamén no ámbito desta Concellería, deuse o visto boa o pagamento da cantidade adebedada a ADIF en concepto de aluguer da Estación de Berdía, que vén sendo utilizada como centro sociocultural. A edil indicou que, malia ter rematado o contrato de ocupación temporal o 15 de xaneiro de 2005, non se pechara este tema, de xeito que o Concello debe aboar 19.662 euros polo aluguer da estación nestes sete anos.

Urbanismo
A proposta da concelleira de Urbanismo, aprobouse a permuta de mutuo acordo dunha parcela expropiada no PERI-11 de Salgueiriños. A voceira da Xunta de Goberno apuntou que se preferiu cambiar a parcela por outra en vez de ter que pagar ao propietario, no caso de que este a reclamara xudicialmente, unha expropiación valorada en 182.661 euros.

No capítulo de licenzas, Paula Prado destacou a concesión dunha para a instalación dun ascensor no inmoble da rúa de Curros Enríquez, 23, por ser esta a primeira posibilitada pola aprobación da Ordenanza de ascensores en abril de 2012.

Medio Ambiente
Finalmente, aprobouse unha actividade de educación ambiental, por 22.141 euros, a desenvolver no Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela (Figueiras).

Documentos relacionados



Compartir: