EDUCACIÓN

Os Encontros Teatrais dos Axóuxeres 2012 arrincan no CSC das Fontiñas

25/10/2012 A Escola Infantil Municipal das Fontiñas acolleu a presentación dos Encontros Teatrais dos Axóuxeres, os espectáculos teatrais para bebés de 0 a 3 anos e para as súas familias que chegarán durante as fins de semana do outono a 20 localidades nas que se radican outras tantas entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL). O Centro Sociocultural das Fontiñas acollerá o sábado 27, ás 12:00 horas, a primeira destas sesións.

A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e o conselleiro de Educación en funcións, Xesús Vázquez, asistiron á posta en marcha destes Encontros Teatrais, que se enmarcan no programa de dinamización lingüística dos Axóuxeres 2012. Son sesións teatrais que teñen como obxectivo promover o uso do galego e a súa transmisión interxeracional nas familias novas con bebés de 0 a 3 anos. Os membros máis novos da familia dos Axóuxeres, Xan, Iria e Pelouro, xunto co seu amigo marciano R01, cantarán e xogarán ao longo de case unha hora de espectáculo cheo de diversión para toda a familia. A entrada é de balde, pero é preciso reservar praza no teléfono 637 179 304.

Encontros dixitais e televisión
O programa Os Axóuxeres 2012 da Secretaría Xeral de Política Lingüística contará tamén con espectáculos para as crianzas un chisco maiores e as súas familias. Trátase dos Encontros dixitais, sesións de cine onde os nenos e as nenas de 3 a 6 anos vivirán unha nova aventura interactiva coa familia dos Axóuxeres.

Ademais, o programa acada nesta edición dimensión audiovisual, grazas á colaboración da Compañía Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) coa Xunta de Galicia. Así, dende o pasado 22 de outubro, os nenos e as nenas galegas poden gozar dos Axóuxeres nas súas casas grazas ao espazo televisivo do mesmo nome que se emite na TVG2 de luns a venres, no marco da programación infantil da televisión pública galega e do programa infantil Xabarín Club.

Direccións relacionadas



Compartir: