TRÁFICO

O Concello e Asociación de Criminólogos colaboran nun plan formativo dirixido a condutores condenados a traballos comunitarios

25/10/2012 A gravidade de certas condutas temerarias provocou a súa penalización como delitos. Non obstante, os xuíces teñen a posibilidade de impoñer penas de prisión, multas ou traballos en beneficio da comunidade. Como alternativa para conmutar estas últimas, o Edificio CERSIA acollerá no mes de novembro un programa de formación promovido por Institucións Penitenciarias e financiado pola Consellería de Xustiza e Interior, que ten como destinatarios aqueles condutores da zona de Santiago que foron condenados a penas de traballos en beneficio da comunidade, derivadas de delitos contra a seguridade viaria.

O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez presentou este plan formativo acompañado por Felipe Miguel Pavón, presidente da Asociación de Criminólogos de Galicia, e Diana Pampín, licenciada en Criminoloxía e policía local en Santiago. Esta primeira xornada celebrarase en catro sesións durante as fins de semana de novembro, de 9:00 a 14:00 horas. Asistirán 30 condutores sancionados a esta primeira convocatoria, non descartándose outras xa en 2013.

A xornada nace para dar cumprimento aos traballos en beneficio da comunidade en materia de delitos contra a seguridade viaria. O obxectivo é que os sancionados poidan cumprir a devandita medida xudicial sen ter que desprazarse do seu ámbito municipal e cos menores prexuízos para a súa vida familiar, laboral e social. Ao tempo, preténdese sensibilizalos sobre os efectos que os seus actos provocan na sociedade.

Este tipo de formación trata, en definitiva, de concienciar os penados sobre as súas condutas ao mando dun vehículo. As sesións, eminentemente prácticas, pretenden conseguir varios obxectivos: sensibilizar e concienciar o penado sobre a influencia do seu comportamento na sociedade, xerar unha predisposición ao cambio a través dos coñecementos, crenzas e valores e traballar diferentes técnicas para resolver situacións problemáticas, así como potenciar condutas correctas.

Tamén se busca promover comportamentos baseados nos valores sociais. Para iso, os contidos das sesións estruturaranse en catro bloques temáticos. O primeiro deles baséase no Dereito Penal (infraccións, sancións...) e, o segundo, no tema do alcohol e nos efectos que este causa e os problemas derivados do seu consumo, especialmente cando se está a conducir un vehículo a motor. Na terceira sesión afóndase nas distraccións ao volante provocadas polo uso do teléfono móbil, o GPS, ou por comer ou beber mentres un está ao volante. O plan formativo remata cunha sesión con contidos máis de índole psicolóxica, na que se traballan técnicas como a empatía ou a asertividade e se trata de poñer aos participantes na situación contraria á que eles provocaron para que sexan conscientes das súas consecuencias. As sesións refórzanse coa proxección de vídeos sobre os efectos do alcohol e con traballos que os penados teñen que realizar nos seus domicilios, relacionados coa seguridade viaria, os accidentes de tráfico, etc.

As sesións serán impartidas por policías locais licenciados en Criminoloxía e Educación Social. Xornadas deste tipo xa se desenvolveron con resultados positivos noutras cidades galegas como Ferrol, Vigo ou Ourense.

Radar para o túnel do Hórreo
Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou o inicio do expediente de compra dun radar fixo, que será instalado no túnel do Hórreo, por un importe de 72.000 euros. Albino Vázquez xustificou a elección deste punto para a instalación por consideralo "un vieiro de alta capacidade e un punto estratéxico no que calquera accidente provocaría un colapso de tráfico".

Compartir: