ALCALDÍA

Marcelino Oreja demanda a recuperación dos valores encarnados pola ruta xacobea

24/10/2012 Os actos con motivo do XXV aniversario da declaración polo Consello de Europa do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo continuaron pola tarde cunha conferencia de Marcelino Oreja, quen era secretario xeral do Consello de Europa no momento daquela proclamación.

A conferencia foi introducida polo quen en 1987 era o alcalde da cidade, Xerardo Estévez, a quen Marcelino Oreja agradeceu o telo nomeado como fillo adoptivo de Santiago de Compostela. Tamén tivo un recordo polo seu traballo en prol da declaración para o secretario de Estado da Unión Europea, Íñigo Méndez de Vigo.

No seu discurso, Marcelino Oreja lembrou a súa vinculación de décadas co Camiño e a súa idea de proclamalo como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, crendo que a ruta "podía axudarnos a impulsar a dimensión cultural das rexións como lugares privilexiados para a experimentación, a innovación e la solidariedade, sen esquecer a dimensión espiritual que o Camiño representaba". Indicou que a Declaración quería poñer de manifesto a necesidade de revitalizar o itinerario xacobeo, identificando os Camiños de Santiago e sinalizándoos cun emblema común, hoxe a tradicional vieira. Na Declaración tamén se solicita a restauración e posta en valor do patrimonio arquitectónico e natural situado nas proximidades do Camiño, o lanzamento de programas de animación cultural e a estimulación da creación artística para renovar e testemuñar os valores interpersonais da identidade cultural europea.

Afirmou que a declaración mantén hoxe a súa vixencia ao fío do fenómeno da peregrinación por un Camiño que "fixo posible o entendemento máis alá das fronteiras". Convertido nun "foco de cultura universal", o Camiño "posúe valores de transcendencia", afirmou Oreja. "Se Europa representa algunha cousa, co triplo manancial grego, romano e cristián que lle deron orixe, é a esixencia da severidade e rigor en todo o que se refire ao espírito; en última instancia á cultura", engadiu.

O ex-secretario do Consello de Europa reflexionou sobre o presente de Europa, indicando que "o Camiño de Europa obríganos a reflexionar a causa principal dos males que nos aqueixan, a orixe verdadeira das situacións que estamos atravesando, o por qué temos chegado á crise que actualmente padecemos". Fronte a esta situación de crise económica, pero sobre todo de "crise moral", apostou porque Europa "recupere os seus valores". "A ruta a Santiago garda os seus secretos unicamente para o que peregrina. E entre estes secretos figura a recuperación de valores que máis que nunca necesitamos na hora presente. Ese é para min a mensaxe do Camiño de Santiago, Camiño de Europa", concluíu.

Na memoria colectiva
Tras Marcelino Oreja interveu o secretario xeral do Consello de Europa, Thorbjorn Jagland, quen incidiu nas ideas apuntadas polo seu predecesor no cargo. "A sociedade contemporánea é un fantástico exemplo da grandeza do amplo alcance da herdanza europea, que ten como núcleo Santiago de Compostela", dixo.

Para Jagland, "a iconografía de Santiago está impresa na memoria colectiva de Europa". Neste sentido, cre que Europa necesita estes símbolos xa que " reflicten os nosos obxectivos comúns, son símbolos de unión e axúdannos a levantar as nosas cabezas e avanzar xuntos".

Recordando as súas palabras no acto institucional da mañá, apuntou que "o Camiño de Santiago expresa á perfección o ideal europeo de coexistencia pacífica, de mutua celebración da diversidade e de intercambio a través do diálogo". Ademais, segundo engadiu, a ruta xacobea "ten aínda o poder de transformar a visión persoal do individuo fronte ao mundo".

Cidade esencialmente europea
Pechou o acto o alcalde compostelán, Ángel Currás, quen tamén gabou a figura de Marcelino Oreja e a súa contribución decisiva á declaración, a cal "nos axudou decisivamente a tomar conciencia da nosa singularidade; nos axudou de maneira decisiva a tomar conciencia da nosa condición de cidade esencialmente europea e nos axudou decisivamente, por suposto, a crecer como cidade, en cantidade e en calidade". Por todo isto, cualificou a Marcelino Oreja como "benefactor" da cidade.

E volvendo á conmemoración e como fixera anteriormente, o alcalde reiterou o ofrecemento de Santiago de Compostela como "cidade aliada no empeño de cohesionar Europa e de destacar a súa cultura, diversa e común".

Concerto especial
Os actos polo XXV aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo pecháronse cun concerto extraordinario da Real Filharmonía de Galicia dirixida por Paul Daniel. Con Josu de Solaun ao piano, a formación interpretou o seguinte programa: Pilgrims, de N. Rorem; Concerto para piano e orquestra en La menor, op.85, de J.N. Hummel; Apertura de Te Deum, de M.A. Charpentier; e Concerto para dobre orquestra de corda, de M. Tippett.

Compartir: