CULTURA

Os suecos Arch Enemy presentan o seu "World Khaos Tour" no Compostela Rock

24/10/2012 Continúa a programación do ciclo Compostela Rock co death metal melódico dos suecos Arch Enemy, que fan unha parada da súa xira World Khaos Tour este xoves 25 na Sala Capitol. Estarán acompañados,a partir das 20:00 horas polos canadenses Voivod (thrash metal progresivo) e dos tamén canadenses Titans Eve (trash/death metal).

Arch Enemy están de volta tras o lanzamento de Khaos Legions, o seu esperado último traballo. Catorce novos temas co inconfundible e característico son dos irmáns Amott, que deixarán sen alento a toda a súa lexión de fans. Teremos a oportunidade de gozar do World Khaos Tour, onde Angela Gossow xunto con Michael Amott e o recente novo guitarrista da banda Nick Cordle (Arsis) non só presentarán o seu último disco, senón que tamén farán un repaso do mellor da súa carreira.

Con Khaos Legions exploran o seu lado máis extremo, un disco cheo de forza e agresividade que se traduce nun dos mellores directos de que se poida gozar hoxe día. Todo iso, sen esquecer as particulares melodías que os caracterizan e diferencian do resto de bandas, un selo persoal que os fai únicos non só encima do escenario. Foron catro anos nos que non editaron material novo. Tras o lanzamento en 2007 de Rise of the Tyrant, a banda meteuse de cheo nun extenso tour que deu como resultado a edición do seu directo Tyrants of the rising sun.

Tras a edición dun completo disco homenaxe ás súas bandas imprescindibles, The root of all evil, Michael Amott asegura: "The root of all evil foi moi divertido de facer, pero non supuxo un auténtico traballo creativo. Non era material novo para nós, tiñamos ganas de sentarnos no estudo a gravar todas esas cousas sobre as que estiveramos falando no backstage durante os últimos anos. Tamén eramos conscientes de que, tras catro anos, debiamos volver con material realmente bo; xa fixeramos esperar aos fans bastante".

E, sen dúbida, Khaos Legions ben mereceu a espera. Temas como "BloodStained Cross" e "Under Black Flags We March" conectan co máis extremo da banda, melodías frescas e sempre coa inconfundible voz de Angela Gossow como pano de fondo. Gossow resume Khaos Legions nunha soa frase: "Demos o cento por cento con este álbum. Tómao ou déixao".

Como convidados de luxo estarán os canadenses Voivod. Fundados en 1982 polo seu guitarrista Piggy (RIP), son un dos maiores estandartes do thrash metal progresivo de todos os tempos e sen dúbida todo un referente. Nesta próxima xira Europea traerán o seu esperado novo álbum debaixo do brazo Target Earth, o primeiro con "Chewy" como membro oficial da banda á guitarra.

As entradas para o concerto, 26 € anticipada e 30 € o día do concerto, están á venta na billeteira do Teatro Principal, en Ticketmaster e na Reixa tenda. Ademais, poden mercarse en Elepé (Vigo) e Portobello (A Coruña).

Compartir: