XUVENTUDE

MúsicaXove volve canalizar por quinto ano a creatividade musical dos grupos emerxentes

24/10/2012 O concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, presentou en rolda de prensa a quinta edición de MúsicaXove. Este certame busca promover, impulsar e canalizar a creatividade musical da xuventude, como unha iniciativa máis nun conxunto de propostas que tratan de poñer en marcha estratexias nesta perspectiva.

Unha vez posto a disposición dos grupos musicais e solistas da cidade un local con dúas salas independentes para ensaios onde contan con material básico para a práctica musical, a Concellería de Xuventude está a desenvolver un labor de promoción e difusión das súas actividades. Neste marco situou o concelleiro Adrián Varela un certame xa consolidado como MúsicaXove, que ten como destinatarios aos artistas emerxentes que manteñen a súa actividade en Santiago, pero tamén aberto ao intercambio e á ampliación do circuíto, dando cabida a todas aquelas bandas e solistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Nesta edición establécense tres categorías de participación: pop-rock, metal e outras músicas, modalidade esta na que inclúen jazz, folk, hip-hop... O xurado, previa audición das maquetas seleccionará como mínimo dous participantes por modalidade que accederán á fase de actuación en directo nun concerto final.

Ao remate deste concerto farase pública a decisión do xurado. Concederanse tres primeiros premios, un por categoría, dotados con 1.000 euros cada un. Os segundo clasificados en cada modalidade recibirán 300 euros. Por votación do público asistente á final, outorgarase un premio de 250 euros. Está prevista a edición dun disco compacto cos premiados das modalidades convocadas.

O prazo de inscrición no certame estará aberto ata o 26 de novembro. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello (de 9:00 a 14:00 horas en días laborables) ou en calquera dos rexistros ou oficinas previstos na normativa de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Calquera información complementaria relacionada co certame MúsicaXove'12 pode consultarse no Departamento de Xuventude:

Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (Rúa Frei Rosendo Salvado nº14-16)
Tfn: 981 543 001
Fax: 981 543 002
Correo electrónico: dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Compartir: