CENTROS SOCIOCULTURAIS

Aberta a inscrición para o Taller de Gravación de Audiolibros do CSC das Fontiñas

23/10/2012 A Concellería de Centros Socioculturais comunica que aínda quedan prazas para as dúas entregas do Taller Gravación de Audiolibros, que se celebrarán no Centro Sociocultural das Fontiñas os mércores de novembro e decembro.

A inscrición no taller de novembro estará aberta ata o 27 de outubro. Este obradoiro desenvolverase os mércores 7, 14, 21 e 28 de novembro, entre as 19:00 e as 21:00 horas. Hai cinco prazas.

No caso do grupo de novembro, para o que tamén hai cinco prazas, a inscrición permanecerá aberta durante o mes de novembro. As clases serán, no mesmo horario, os mércores 5, 12, 19 e 26 de decembro.

A inscrición pode solicitarse a través da dirección de correo electrónico bibliotecacsc@santiagodecompostela.gal.

Fomento da lectura
O Taller de Gravación de Audiolibros é unha actividade organizada dende a Biblioteca dos Centros Socioculturais co obxectivo do fomento de lectura e do achegamento á literatura a través dunha dinámica distinta, vivencial e compartida, complementaria á lectura individual, que é a que habitualmente se fai na biblioteca.

Os participantes terán a oportunidade de aprender a manexar e obter produtos dos novos aparellos e innovacións tecnolóxicas que hoxe en día temos preto: libros electrónicos, tableta, reprodutores de mp3, teléfonos móbiles intelixentes, etc.

Neste taller procurarase tamén entender e vivir un pouco máis as obriñas literarias que se seleccionen para gravar e ler, dándolles, en moitos casos, un novo nivel de comprensión ao engadirlles as voces humanas, a entoación e os efectos emotivos.

Contidos
O Taller permitirá gravar cos participantes un conto, unha obra de teatro, un poemario, ou algo propio de pequeno tamaño, en formato de audio (mp3) despois de estudar a voz e as posibilidades de cada un dos asistentes. As sesións estarán dirixidas por Carla Capeans, con experiencia no manexo da voz e a interpretación.

Eses traballos pasarán a formar parte do fondo da biblioteca e difundiranse dende a páxina web e as redes sociais..

Compartir: