COMERCIO

Máis de 70 inscritos na charla "Como aproveitar as oportunidades comerciais en Santiago?"

23/10/2012 A Concellería de Comercio e Santiago Centro colaboran na organización dunha acción formativa dentro do programa Santiago Investors Support, que terá lugar o 24 de outubro, ás 20:00 horas, no Hotel Araguaney e que ten coma obxectivo analizar a realidade do comercio en Santiago de Compostela e definir accións que axuden a todos os profesionais do comercio a facer unha mellor xestión do seu negocio. Neste momento xa hai máis de 70 persoas inscritas. A inscrición segue aberta e pode facerse a través de www.cersiaempresa.org.

Segundo Santiago Centro, "este tipo de seminarios serven para dar ideas ao pequeno empresario e suxerirlle novas formas de rendibilizar o seu negocio". Santiago Centro "valora moi positivamente o feito de que sexa unha colaboración conxunta dos dous Centros Comerciais Abertos da cidade e o Concello, xa que temos os mesmos obxectivos, que van encamiñados aos mesmos finalistas: o pequeno comerciante".

O seminario será impartido por Juan Carlos Vez Vázquez, profesor de Organización de Empresas na Universidade da Coruña e de Dirección Comercial e Marketing na Escola de Negocios de Novagalicia Banco. Ten experiencia profesional en empresas como Ernst&Young, Grupo Sanesteban Castro, Grupo Pescanova, Grupo Pescapuerta, Grupo Presas, Rodman Polyships ou Conservas Antonio Alonso.

O relator amosará que en Santiago hai oportunidades de negocio insatisfeitas, que hai que saber aproveitalas definindo accións concretas que permitan satisfacelas, ben dende os comercios existentes ou ben desenvolvendo novas iniciativas comerciais. Ao mesmo tempo, o comercio de Santiago tamén ten ameazas, pero que hai que saber convertelas en novas oportunidades.

Esta acción súmase ao seminario organizado dende o Concello con Compostela Monumental, Deseño de tendas e presentación comercial no século XXI, que se celebrou o 28 de setembro na sala da Confederación de Comercio de Galicia.

Compartir: