DEPORTES

Santa Isabel acolle unha xornada para achegar o deporte do judo aos cidadáns

23/10/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou a Xornada de Judo que se celebrara o sábado27 de outubro no pavillón municipal de Santa Isabel. Será unha actividade de portas abertas para dar a coñecer e achegar este deporte aos cidadáns de Compostela.

Durante a xornada, os participantes poderán practicar judo e asistir a unha exhibición que terá lugar ao redor das 18:00 horas. A xornada rematará coa presentación do Club Judo Compostela, que empezou a súa andadura o pasado mes de setembro. O seu presidente, Javier Rial, tamén participou na presentación da Xornada e agradeceulle a Adrián Varela e ao Concello de Santiago a súa colaboración e apoio nesta iniciativa.

Ademais de todo tipo de actividades relacionadas co judo, haberá obradoiros de xogo e debuxo para os máis pequenos, así como regalos, achegados polos patrocinadores, que se repartiran entre todos os asistentes. Tres afortunados serán obsequiados cun vale de 100 euros do supermercado Alcampo.

Está previsto que máis de 700 nenos asistan a esta xornada de educación e promoción do judo. O prazo de inscrición está aberto ata o día 27 de outubro. Os interesados poden anotarse nas propias instalacións de Santa Isabel.

Os deportes de loita son pouco coñecidos e practicados. Por iso, coa intención de achegalos aos composteláns, o concelleiro anunciou a celebración dunha gran xornada de deportes de loita no Multiusos Fontes do Sar o vindeiro mes de maio.

Direccións relacionadas



Compartir: