PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Novas rutas didácticas do programa "Cultura Viva. Fai túa Compostela"

23/10/2012 Continúa o programa educativo de rutas didácticas pola cidade e as parroquias Cultura Viva. Fai túa Compostela, promovido pola Concellaría de Centros Socioculturais e Participación Cidadá.

Este mércores 24 de outubro, pola tarde, desenvólvese a ruta didáctica titulada "Espazos de arte I". Nesta ruta visitaranse obradoiros de distintos artistas contemporáneos que traballan para a promoción e divulgación da arte na cidade. A ruta sairá do Centro Sociocultural de Vite (rúa de Carlos Maside,7) ás 18:00 horas.

O sábado 27 de outubro desenvolverase outra interesante ruta literaria, visitando diferentes lugares citados nos textos desde antigo. Neste caso o punto de saída será a praza de Cervantes (a carón da fonte), ás 11:00 horas.

Xa o mércores 31 de outubro, a ruta "A auga en Compostela I" permitirá, seguindo o percorrido da auga, mostrar as pegadas das antigas obras de enxeñería que forman parte da paisaxe dos barrios da cidade. A ruta partirá do Centro Sociocultural das Cancelas (calzada das Cancelas 19, baixo) ás 11:00 horas.

Os veciños e veciñas interesadas en participar nas rutas didácticas deste programa poden inscribirse presencialmente ou por telefono nos centros socioculturais tanto en horario de mañá como de tarde. O programa pode descargarse desta mesma páxina web.

Compartir: