ALCALDÍA

A mostra "Memoria de Peregrinación" exhibe a riqueza da Europa vertebrada polos camiños a Santiago de Compostela

23/10/2012 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Ángel Currás, e o conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Xesús Vázquez, inauguraron a exposición Memoria de Peregrinación. Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo, que estará aberta ata o 27 de decembro no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Precisamente, os días 23 e 24 de outubro son xornadas de portas abertas, para que calquera cidadán ou visitante poida coñecer a mostra de balde.

Memoria de Peregrinación é unha mostra audiovisual realizada por Manuel Valcarcel e Alexandro González sobre a ruta de peregrinación a Santiago, dende Europa central ata Compostela, na que se destacan os camiños, paisaxes históricos e lugares da memoria común europea ligados ás peregrinacións xacobeas.

A mostra está composta por 53 imaxes e unha proxección audiovisual de 15 minutos, a través das que se percorren o Camiño por terras de Hungría, Eslovenia, República Checa, Croacia, Eslovaquia, norte de Italia, sur de Francia e o percorrido por España ata Santiago.

A mostra peregrinou en 2010-11 por diversas cidades de Europa –Sofía, Bucarest, Zagreb, Santiago de Compostela-, continuando no 2012 o seu periplo en Francia e logo en Australia. Memoria de Peregrinación é, en suma, unha exposición que mostra a pluralidade e riqueza dunha Europa vertebrada polos itinerarios a Santiago de Compostela.

A propósito desta Europa, o alcalde falou do Camiño como "un dos fenómenos históricos que mellor revela ás novas xeracións a interdependencia de Europa como realidade cultural". Así, dixo, a celebración do XXV aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo "invita á reflexión nun momento no que o espazo cultural europeo se abre ante nós en toda a súa envergadura", un espazo caracterizado "pola súa diversidade, pola pluraralidade de culturas e pola posibilidade de sínteses entre o erudito e o popular".

Ángel Currás tamén falou da vixencia da mensaxe transmitida polos Camiños de Santiago como "espazo de encontro e de coñecemento mutuo -espazo por tanto de tolerancia e de solidariedade- que serven de base á nosa concepción humanista da sociedade".

Ademais do alcalde e do conselleiro, participaron no acto o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Xosé Paz Gestoso; o canciller secretario do Arzobispado de Santiago, Elisardo Temperán; e a xerente do Consorcio de Santiago, María Antón.

O Museo en Tripadvisor
Memoria de Peregrinación poderá ser visitada ata o vindeiro 27 de decembro no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, un espazo cultural que ven de recibir o selo distintivo de Recomendación en Tripadvisor e que xa é visible na entrada ao recinto. Cómpre destacar que este recoñecemento é concedido aos establecementos e espazos que reciben boas críticas na citada páxina web.

Comité de expertos
Pola tarde, a celebración do XXV aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo continuará coa mesa redonda Os camiños de Santiago en España e Europa 25 anos despois da declaración de Saint Jacques, na que intervirán os membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, e á que asistirá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Nese encontro participará o fundador e presidente da Asociación Italiana de Amigos do Camiño, Paolo Caucci von Saucken; a presidenta da asociación máis antiga de Francia relativa a este tema, Adeline Rucquoi; o investigador Robert Plötz; e o catedrático da USC Fernando López Alsina, quen dirixe xunto ao profesor Klaus Herbers o proxecto de investigación sobre a documentación papal relacionado con Santiago de Compostela.

Ao remate deste relatorio proxectarase o filme Chemin de Compostelle (Camiño de Santiago), rodada no ano 52 pola Societé dês Amis de Saint Jacques de Compostelle. Pola noite realizarase un pase gratuíto da película The Way, protagonizada por Martin Sheen e dirixida por Emilio Estévez.

Compartir: