TURISMO E URBANISMO

Uns 100 expertos en xestión do patrimonio mundial debaten en Santiago sobre desenvolvemento sostible e entidades locais

22/10/2012 As concelleiras de Urbanismo, María Pardo, e de Turismo, Reyes Leis, presentaron o programa do VI Encontro Nacional de Xestores do Patrimonio Mundial. Celébrase no Hotel Monumento San Francisco os días 22, 23 e 24 de outubro, no marco dos actos previstos para celebrar o XXV aniversario da Declaración do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Este Encontro fora solicitado ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte nunha reunión á que asistiran o alcalde, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis. Santiago foi elixida entre as demais cidades Patrimonio de España para acoller o evento, que reunirá a preto de 100 expertos en xestión do patrimonio en torno ao fío condutor "Patrimonio Mundial e desenvolvemento sostible: o papel das comunidades locais". Estas xornadas enmárcanse tamén na celebración do 40º aniversario da Convención de Patrimonio Mundial.

Con 44 bens inscritos na Lista de Patrimonio Mundial, España é o segundo país en número de bens de valor universal excepcional declarados pola UNESCO. A xestión, conservación e difusión destes bens tan relevantes implica uns retos e responsabilidades específicas derivadas da Convención de Patrimonio Mundial de 1972.

Iso motivou que, dende o ano 2007, o Ministerio de Educación,Cultura e Deporte impulsase a celebración deste tipo de encontros, destinados aos xestores dos bens patrimonio mundial tanto culturais como naturais, con dous obxectivos básicos: proporcionar aos xestores a información necesaria sobre os compromisos derivados da aplicación da Convención de Patrimonio Mundial e fomentar a creación dunha rede entre os mesmos. As anteriores edicións, celebradas en Aranjuez, Ávila, Eivissa, Segovia e La Vall de Boí reuniron máis dun centenar de asistentes pertencentes a distintas administracións e institucións, todos eles xestores de sitios inscritos na Lista do Patrimonio Mundial: conxuntos históricos, monumentos, itinerarios culturais, parques naturais, depósitos e abrigos de arte rupestre, zonas arqueolóxicas ou paisaxes culturais, entre outros.

Foro de análise
A través de conferencias e coloquios, expertos e profesionais do sector abordarán os aspectos relativos ao patrimonio cultural e natural, as políticas de desenvolvemento sostible e a súa repercusión nas poboacións locais. Deste xeito, os Encontros de Xestores de Sitios Patrimonio Mundial consolídanse como un foro anual de encontro, análise e debate dos problemas e peculiaridades destes lugares tan representativos do noso patrimonio común, co fin de que repercuta nunha mellor e máis eficaz conservación destes.

Reflexionarase conxuntamente sobre o patrimonio dende múltiples perspectivas, incluído a turística. Trátase dun encontro que contará cun nivel de excelencia, posto que España é o segundo país do mundo en bens inscritos na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO, con 44.

A través de intervencións como as de Maider Maraña Saavedra, Cristina Gutiérrez-Cortina, Agustín Santana Talavera, Juan Garay Zabala ou Manuel Montes Sánchez abordaranse os retos de futuro que o Patrimonio Mundial debe afrontar ante o reto de intentar alcanzar un desenvolvemento equilibrado e sostible. Pola súa banda, relatores como Claudia de Santos Borreguero, José M. Mallarach, Roberto López de Eguilaz ou Gary Gautier Bernat presentarán algunhas experiencias reais na que xa se intentou que esa participación local e sostible sexa unha realidade.

Documentos relacionados



Compartir: