CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural de Conxo acolle unha exposición fotográfica de Tono Arias

19/10/2012 A Concellaría de Centros Socioculturais colabora un ano máis no certame Outono Fotográfico, promovido pola Fundación Benito Losada, que nesta ocasión celebra a súa 30ª edición.

Do 17 de outubro ao 11 de novembro pódese visitar a primeira das cinco exposicións que albergará a Rede de Centros Socioculturais no marco da colaboración con este certame. Será no Centro Sociocultural de Conxo e amosará o traballo fotográfico Nós, de Tono Arias.

O traballo fotográfico Nós comeza no ano 2006 cando Tono Arias visita a casa onde naceu e que quedara abandonada por traslado da familia cando el tiña 7 anos. Toma imaxes dos obxectos da casa e retrata os familiares nos espazos deshabitados.

Di Antón Lopo a propósito da mostra que "o resultado é inquietante xa que, entre outras razóns, o fotógrafo concibe un presente en aparencia universal simultáneo e ese presente, porén, pronto se nos revela duplo: descubrimos, non sen estremecemento, que as personaxes contemplan o saqueo dende as posicións que lles outorga a súa posición de futuro, concibido nalgúns casos como un futuro de existencia débil. Cunha dramática sutil, Tono Arias evidencia que a nosa perspectiva sobre o pasado e sobre a nosa posición no presente veñen determinadas pola intensidade do futuro. É esa intensidade de futuro –ou a súa debilidade– o que nos permite interpretar o pasado con mirada cómplice ou cunha consecuente nostalxia".

A exposición pódese visitar no horario do CSC: de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas, e sábado de 10:15 a 14:00 e de 17:15 a 20:45 horas.

Tono Arias
1965. Dende o ano 92 traballa como fotógrafo independente, creando un estudio de fotografía, onde realiza os diversos traballos profesionais no ámbito da fotografía industrial, publicidade, moda, arquitectura, editorial e documental.

Crea un arquivo fotográfico especializado en Galicia dispoñible a través da web www.tonoarias-images.com.

Pon en marcha o proxecto Dispara en maio de 2012 -cultura, educación e solidariedade- impresión dixital, copia de autor, galería de arte, librería especializada en fotografía e desenvolvemento de proxectos culturais: www.dispara.org.

Compartir: