ALCALDÍA

A cidade celebrará o XXV aniversario da Declaración do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo con varios actos institucionais e culturais

19/10/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, para presentou os actos conmemorativos do XXV aniversario da declaración polo Consello de Europa do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. A celebración inclúe un acto institucional, a visita a unha mostra sobre o Camiño, unha conferencia e un concerto extraordinario.

Na lembranza daquela declaración do ano 1987, Ángel Currás considerouna, xunto coa declaración como Patrimonio da Humanidade en 1985 ou a elección como Cidade da Cultura para o ano 2000, "un momento decisivo na historia da cidade, como xeradora dun novo destino cultural –xa o era relixioso- e dun atractivo para a cidade de Santiago, potenciadora de equipamentos e infraestruturas e que permitiu por en valor o patrimonio histórico e contemporáneo na ruta e en Compostela". O alcalde valorou tamén o seu "efecto turístico" e formulou como obxectivo futuro "a maior defensa e a maior protección dos Camiños".

O alcalde deu conta do programa de actos para o 24 de outubro, que comezará cun percorrido simbólico dende a Porta do Camiño ata a praza do Obradoiro, seguindo a entrada na Cidade Histórica do Camiño Francés. Logo, na praza, celebrarase o acto conmemorativo do XXV aniversario da Declaración polo Consello de Europa do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

No acto, previsto para as 12:30 horas, intervirán, ademais do alcalde, o secretario xeral do Consello de Europa, Thorbjern Jagland, e o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo. Tras os discursos, izarase a bandeira de Europa e a Banda Municipal de Música interpretará o himno de Europa. Finalmente, e antes da foto oficial, os nenos e nenas do colexio López Ferreiro farán unha solta de pombas.

Despois dos actos do Obradoiro, a comitiva desprazarase ata o Museo das Peregrinacións e de Santiago de Compostela para visitar, en torno ás 13:15 horas, a exposición Memoria de Peregrinación: Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo. O alcalde lembrou que os días 23 e 24 serán xornadas de portas abertas neste Museo para que calquera poida visitar a exposición.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, no Hostal dos Reis Católicos, conferencia de Marcelino Oreja, quen fora secretario xeral do Consello de Europa no momento da Declaración. Alí tamén intervirán Ángel Currás, Thorbjorn Jagland e quen naquel momento era o alcalde compostelán, Xerardo Estévez.

Os actos da xornada pecharanse cun concerto moi especial no Auditorio de Galicia a partir das 21:00 horas. Paul Daniel dirixirá a Real Filharmonía de Galicia, co acompañamento ao piano de Josu de Solaun nun concerto co seguinte programa, escollido para esta celebración: Pilgrims, de N. Rorem; Concerto para piano e orquestra en La menor, op.85, de J.N. Humel; Apertura de Te Deum, de M.A. Charpentier; e Concerto para dobre orquestra de corda, de M. Tippett.

Encontro Nacional de Xestores do Patrimonio Mundial
O alcalde tamén lembrou que os días 23 e 24 terá lugar no Hotel Monumento San Francisco o Encontro Nacional de Xestores do Patrimonio Mundial. Este evento fora solicitado polo propio Ángel Currás ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte como parte dos actos para conmemorar a Declaración.

Estas xornadas de debate e análise teñen como fío condutor o tema "Patrimonio Mundial e desenvolvemento sustentable: o papel das comunidades locais" e celebrarán tamén o 40º aniversario da Convención de Patrimonio Mundial.

Nestes días tamén está prevista a reunión do Consello Asesor do Camiño de Santiago, convocada pola Xunta de Galicia.

Compartir: