TURISMO

Os personaxes da saga "Star Wars" volverán tomar as rúas de Compostela en 2013

18/10/2012 Centos de afeccionados á saga Star Wars encherán unha vez máis as rúas de Santiago de Compostela caracterizados e disfrazados dos seus personaxes favoritos. Será no desfile que constitúe o acto central de Imperial Stormtroopers II, unha festa coa que a Tropa Korriban - Star Wars Galicia quere celebrar o trixésimo aniversario da estrea dunha das películas principais da saga, O retorno do Jedi. A Concellería de Turismo colabora con esta iniciativa.

A data elexida é o sábado 25 de maio de 2013, xusto 30 anos despois da batalla de Endor e o estourido da segunda Estrela da Morte. Ese día as forzas do Imperio e os membros da Alianza Rebelde sairán ás rúas de Compostela para conmemorar un acontecemento clave da cultura popular.

Imperial Stormtroopers II é consecuencia do éxito que tivera no 2010 a primeira xuntanza de seareiros de Star Wars en Santiago. Agora, a Tropa Korriban quere convidar a todas e todos os que queiran unirse ao desfile a que se poñan en contacto con eles para facer desta celebración un acontecemento galáctico en dimensións, e que deste xeito Santiago de Compostela chegue a todos os mundos coñecidos.

Asociacións, escolas, centros recreativos ou culturais, fans de George Lucas... As portas de Imperial Stormtroopers II están abertas para que sexa un desfile longamente lembrado. Calquera que teña un disfraz ou unha caracterización da Guerra das Galaxias pode participar; e se non o ten, aínda está a tempo, xa que os organizadores poden axudalo.

De entrada, xa está confirmada a participación dalgunhas das asociacións máis importantes, como son a base española da Rebel Legion ou o destacamento portugués da 501st. Legion, entre algunhas das máis destacadas.

A Tropa Korriban establecerá puntos de información nas principais cidades galegas para que a festa chegue a todos e facilitar o máximo posible a participación. Tropa Korriban é unha asociación sen ánimo de lucro formada por mulleres e homes afeccionados ao universo Star Wars xurdido da serie de películas da Guerra das Galaxias. Naceu tras o éxito do desfile organizado en Santiago de Compostela en maio de 2010.

A Tropa ten como principal actividade o costuming ou caracterización dos diversos personaxes da saga, así como a participación en actividades educativas, lúdicas ou culturais relacionadas co universo Star Wars.

Imperial Stormtroopers II, ten tamén unha web, www.imperialstormtroopers.es, que se irá actualizando con toda a información desta festa e coas actividades paralelas que haberá a máis do desfile. Os enderezos electrónicos aos que poden dirixirse todos os interesados son:

infosantiago@imperialstormtroopers.es
infocoruna@imperialstormtroopers.es
infopontevedra@imperialstormtroopers.es
info_orense@imperialstormtroopers.es
infoferrol_lugo@imperialstormtroopers.es
infospain@imperialstormtroopers.es

Compartir: