BENESTAR SOCIAL E MOBILIDADE

Os autobuses urbanos levaron lazos rosas e carteis informativos para conmemorar o Día contra o Cancro de Mama

19/10/2012 Este venres 19 de outubro celebrouse o Día contra o Cancro de Mama. Con tal motivo, os 40 autobuses urbanos de Santiago levaron lazos rosas e carteis informativos. Ademais, a delegación compostelá da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) dispuxo mesas informativas e varios actos destinados a sensibilizar sobre a importancia da prevención.

Os concelleiros de Familia e Benestar Social, Paula Prado, e de Mobilidade, Albino Vázquez; o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera; e o responsable da delegación compostelá da AECC, Antonio Garrido, participaron na Estación de Autobuses na posta en marcha desta iniciativa, coa que o Concello de Santiago se sumou á conmemoración desta xornada. Xunto a esta visible chamada de atención en forma de lazo rosa, estaban previstas outras actividades a cargo da AECC, como a instalación dunha mesa informativa en Área Central. Tamén houbo puntos informativos en diversos establecementos comerciais.

Paula Prado salientou a importancia de propostas como esta para "sensibilizarnos e solidarizarons con todas as mulleres que sofren esta enfermidade". Agradeceu a TUSSA a iniciativa, que se completou con accións nas redes sociais para facer visible o labor da AECC.

A concelleira insistiu na importancia da prevención e da detección precoz deste tipo de doenza. Así, o cancro de mama representa o tipo de cancro máis frecuente na muller, cunha incidencia anual de máis de 22.000 casos en España (IARC 2008), o 28,5% de todos os tumores femininos. Ademais, supón a primeira causa de mortalidade por cancro en mulleres con 6.295 falecementos en 2010. En Galicia rexístranse uns tres casos diarios e mil anuais.

A maioría dos casos diagnostícanse en idades comprendidas entre os 35 e os 80 anos, cun máximo entre os 45 e os 65. As taxas de incidencia están a aumentar lentamente en España e no mundo, probablemente debido ao envellecemento da poboación e ao diagnóstico cada vez máis temperán. Aproximadamente 1 de cada 8 mulleres presentará esta enfermidade ao longo da súa vida.

A supervivencia por cancro de mama mellorou notablemente nos últimos 20 anos (anualmente increméntase a supervivencia por este tumor un 1,4%). Cada ano disponse de maior información para diagnosticar precozmente e tratar o cancro de mama, o que permitiu que a supervivencia global aos 5 anos do diagnóstico deste tumor sexa do 82,8% no noso país (Eurocare-4-4), por enriba da media europea e similar aos países coas mellores cifras de supervivencia.

O diagnóstico precoz é a mellor ferramenta para loitar contra esta enfermidade. A través dos programas de cribado con mamografías, pódense diagnosticar os tumores de mama en estadios iniciais nos que hai moitas posibilidades de curación. Xeralmente recoméndase realizar mamografías periódicas a partir dos 45-50 anos.

Cada muller pode reducir o seu risco de forma individual con pequenos cambios no seu estilo de vida. Actualmente coñécese que, tras a menopausa, previr a obesidade cunha dieta axeitada e con exercicio diario reduce o risco de desenvolver un cancro de mama.

Compartir: