MOBILIDADE

Tráfico activa o operativo preventivo de inverno ante xeadas e nevadas

18/10/2012 O luns 22 de outubro porase en marcha o operativo de tráfico de inverno para facer fronte a situacións de xeadas ou nevadas nas estradas, rúas e beirarrúas da cidade. Tal como acontecera na anterior temporada de inverno, establécense tres niveis de alerta segundo o nivel habitual de afectación destas inclemencias meteorolóxica.

O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez, anunciou a activación deste operativo, aplicado por primeira vez e con éxito na anterior temporada de inverno. Así, na mesma non foi necesario que ningunha rúa permanecera cortada pola xeración de xeo na calzada. A clave do éxito deste operativo, indicou o edil, está precisamente na prevención, o que permite botar xeo antes de que se produza a xeada ou nevada.

Na temporada anterior vertéronse 19.000 quilogramos de sal. Para esta xa hai uns 8.000 quilos en reserva para poder ser utilizados de forma inmediata. As reservas iranse realizando en función das necesidades.

Tres niveis de alerta
Dos tres niveis de alerta dispostos, o primeiro contempla a previsión de xeo ou neve de maneira leve. Inclúe zonas como a costa de San Marcos, o vieiro Camilo José Cela, a estrada de Chaián ao Polígono do Tambre, os accesos ao Hospital Clínico, o acceso ao Hospital Provincial, a avenida Xoán XXIII ende Liño Villafínez ata a praza da Paz e a costa de Santa Isabel.

O segundo nivel engade ao previsto no nivel un as seguintes rúas e zonas: Amio e accesos ao Polígono de Costa Vella, Vía Edison (Polígono do Tambre), Salegueiriños e Meixonfrío, Rodríguez de Viguri, Mestre Mateo, costa de San Francisco, estrada de San Marcos dende San Lázaro ata Lavacolla e accesos das rúas Torrente Ballester e Roma.

O terceiro nivel de alerta inclúe os niveis 1 e 2 e, a maiores: SC-20 dende Milladoiro ata o Polígono; N-550 dende Sigüeiro a Meixonfrío; C-543 dende a glorieta de Lamas ata a Vidán; Rosalía de Castro, Juan Carlos I, Senra, Virxe da Cerca e Trompas; vieiro Filgueira Valverde dende Vidán á Rocha (e accesos Cantaleta); AG-56 dende a Rocha a Laraño (e accesos Pardiñas); acceso á Cruxeira dende Torrente; Restollal; entrada e saída cuarto xuro dende Camilo Otero, avenida de Castelao e Burgo das Nacións; Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño; glorieta Bernardo Barreiro; estrada dende a Ponte do Romaño ao Queiroal; Rodas, San Roque e Basquiños; Canteira de Arriba e Canteira de Abaixo (San Lázaro); Benéfica de Conxo; Lermo; Fontiñas (Berlín, Monte dos Postes, París, Roma, accesos túnel Área Central e Lisboa), Cancelas e zona de Mallou e da Pulleira; Sar, Canteiras de Sar, cruceiro de Sar e Diego Bernal e camiño dos Vilares. Tamén segundo as necesidades se contemplan parroquias ocmo as de Figueiras (A Coba e Brins), Villestro (de Carballal a Piñeiro), Laraño (lugar de Pardiñas) ou Grixoa.

Ademais, tamén se contemplan unha serie de zonas peonís e beirarrúas nas que esparexer sal en caso de placas de xeo: Mestre Mateo, rúa Melide, escalinata de San Lázaro a Monte do Gozo, Hortas, costa do Cristo, Acibechería, Inmaculada, Fonte Sequelo, Xelmírez, Praterías, Castrón D’Ouro, Patio de Madres, García Sabell e Trompas.

Compartir: