CULTURA

Ángel Martín e Ricardo Castella traen o seu espectáculo "Nunca es tarde" ao Principal

24/10/2012 Dentro do ciclo Falabaratos chegan a Compostela Ángel Martín e Ricardo Castella presentando o seu espectáculo Nunca es tarde… para hacer tus sueños realidad o xoves 25 de outubro no Teatro Principal en dúas funcións: ás 21:00 e ás 23:00 horas.

Todos pensamos algunha vez en deixalo todo e facer realidade os nosos soños: esta é a historia de dous idiotas que ademais de pensalo... fano!! Ángel Martín (Se lo que hicisteis - La Sexta) e Ricardo Castella (Noche Hache - Cuatro) nun espectáculo-concerto con texto e cancións orixinais, onde tocan e cantan en directo. Unha telecomedia musical para teatro na que facer realidade os teus soños é posible e onde, se estiras os brazos, podes tocar o ceo cos teus dediños.

Ángel Martín e Ricardo Castella, con este espectáculo-concerto, demostran que os soños poden facerse realidade. Durante a función, aceptaranse esmolas. A noticia pilla a todo o mundo por sorpresa: Ángel Martín abandona o seu programa. Tras cinco anos a diario en televisión, está canso. Pero esa só foi a versión oficial. Un venres, tíñao todo: éxito, diñeiro, fama... pero o mércores perdérao todo, e esa noite durmiría na rúa se non o acollía na súa casa Ricardo, o seu amigo da infancia ao que non vía desde facía 5 anos. E non só o perdera todo: debía dous millóns de euros.

Por fin Ángel Martín conta a verdade, por que abandonou o programa de televisión no que traballaba, que ocorreu aquela fin de semana que cambiou a súa vida por completo. E para explicalo escribiu unha serie de televisión, musical. Este espectáculo no capítulo piloto. Mentres as canles de TV se pelexan por comprar a súa serie, o seu plan para conseguir dous millóns de euros é facer realidade o seu soño de adolescencia: gravar un disco. Un disco que se converta nun superventas, claro. Nos tempos que corren... o que se di un planazo.

Martín e Castella retoman con este espectáculo a súa amizade despois dun período de cinco anos nos que se viron menos porque Ángel tivo lea: un traballo que consistía, basicamente en... facer amigos noutras canles de televisión. Nun espectáculo que manexa realidade e ficción, decidirán deixalo todo (no caso de Ricardo non é complicado, leva cinco anos sen saír en televisión e dedica as mañás a tocar o caixón no Retiro) e facer realidade o seu soño de adolescencia: dedicarse á música.

Pero Ángel ten un problema: pasou os últimos cinco anos encerrado nun estudo. Como uno só pode escribir sobre o que viviu, Ángel... non pode escribir sobre nada. Ricardo e el elaboran unha lista de cousas que Ángel aínda non fixo. A súa teoría é que, unha vez que viva cada unha desas experiencias, a canción sairá soa.

As entradas poden mercarse na billeteira do Principal (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), no 902 434 443 ou en entradas.novagaliciabanco.es a 17 € (butaca e platea); 14 € (1ª e 2ª planta) e 10 € (anfiteatro).

Compartir: